Pontevedra | A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo hoxe extensivo o recoñecemento da institución ao músico Daniel Minimalia polo premio Grammy Latino ao mellor álbum instrumental “Terra”, cunha recepción na que definiu ao artista como “talento en estado puro”. O músico, o primeiro galego en conseguir “estes Óscar da música”, manifestou a súa emoción polo recibimento en Pontevedra, quixo compartir o galardón que trouxo consigo coa provincia e amosou o seu agradecemento persoalmente á presidenta, afirmando que “tan bonita é a institución como o corazón da xente que traballa nela”.
Carmela Silva, que fixo entrega a Minimalia da escultura da camelia “Flor de inverno” da artista Ana Tenorio cunha inscrición que lembra o seu fito musical, destacou a traxectoria do artista e relatou os seus recoñecementos, ata o punto de ser valorado “tristemente máis fóra que dentro. Este premio fainos sentir tan orgullosas e orgullosos do seu talento, porque o talento é o mellor que ten a sociedade: a xente, que co seu talento, é capaz de facer que as persoas dun territorio representen ás persoas de todo o mundo. Iso ocorre con Daniel”. Minimalia tamén asinou no libro de honra da Deputación de Pontevedra e, pola súa banda, fixo entrega á presidenta do disco “Terra”, co que gañou o Grammy.
A presidenta provincial quixo destacar que cando Minimalia “interpreta unha das súas pezas, conecta ao mundo e é marabilloso” e subliñou o fito de que sexa o primeiro galego e máis concretamente, do sur de Galicia, en ter conseguido este galardón musical. “Na Deputación de Pontevedra –afirmou – tradicionalmente a cultura ten sido un elemento moi importante da acción desta administración desde os seus inicios e agora tamén. Consideramos que a cultura é un elemento transformador da sociedade necesario e imprescindible que permite crear sociedades de persoas que intentan ser felices. Sen a cultura, dixo Carmela Silva, non poderíamos facelo, e moi particularmente sen a música, que é unha linguaxe universal que une ás persoas de todo o mundo. Somos a alma de Galicia e a nosa tradición cultural do sur e de esta provincia, ten formado parte do mellor da cultura europea”.
“A presidenta provincial quixo destacar que cando Minimalia “interpreta unha das súas pezas, conecta ao mundo e é marabilloso” e subliñou o fito de que sexa o primeiro galego e máis concretamente, do sur de Galicia, en ter conseguido este galardón musical”
Pola súa banda, Daniel Minimalia, que estivo acompañado pola súa parella, a escritora Natalia Sanchidrián coa que quixo compartir este premio amais de coa xente da cultura e da provincia, lembrou o seu paso pola cidade e a provincia na que viviu durante un tempo e amosouse “encantado de estar nun sitio que aposta pola cultura”. Explicou que a súa “é unha historia de superación” xa que non estudou música e deixou todas as súas ocupacións laborais para apostar e desenvolver este “proxecto persoal”. “O mundo da música en si xa é moi difícil e eu tiña un proxecto instrumental –sinalou-. Entón tócame derribar moitas barreiras”.
Engadiu que para este galardón “valorouse a música e todo o que fixen para chegar aquí. Son moi agradecido, dixo, veño da nada e aprecio moito á xente que me trata ben. Grazas en todos os sentidos”. Concluíu ofrecendo “un abrazo eterno” á institución e a Carmela Silva.