Pontevedra | No marco da súa aposta medioambiental e de apoio aos concellos, a Deputación de Pontevedra presta desde o ano 2015 o servizo de retirada de vehículos abandonados ou fóra de uso aos municipios de menos de 50.000 habitantes, ao que neste momento están adheridos 45 concellos.
Esta prestación, que é de competencia municipal, ofrécese de xeito gratuíto aos concellos, “porque é fundamental loitar contra a contaminación ambiental e tamén contra a visual”, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva.
No que vai deste ano 2021, xa se retiraron 53 vehículos a través deste servizo, que consiste na recollida ao final da súa vida útil ou fóra de uso _para o que previamente os concellos deben tramitar a súa declaración como residuo sólido urbano_ así como o posterior tratamento de descontaminación.
Neste senso, Carmela Silva lembrou que precisamente estes vehículos “xeran millóns de toneladas de residuos, pero cando son recollidos, estes restos poden ser reutilizados e reciclados ata o 95% dos seus elementos”. “Iso é o que facemos –subliñou-, estamos a apostar pola economía circular”.