Pontevedra | A Deputación de Pontevedra revalida a súa presenza na Feira do Libro de Ponteareas, que arranca este xoves 13 de xullo ás 11:00 horas nos Xardíns da Xiralda (fronte ao edificio do Concello) e desenvolverase ata o domingo 16 de xullo.
A institución provincial contará cunha caseta propia e, ademais, organiza para o venres, 14 de xullo, unha sesión de contacontos a cargo de Atenea García. A feira estará aberta en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas, aínda que o primeiro día celebrarase só pola tarde.
Na Feira do Libro de Ponteareas a Deputación de Pontevedra ofrecerá unha mostra de volumes editados pola institución ou que son froito de colaboracións, e de programas propios como VII Obradoiro Internacional de Tradución Poética, Violetas no asfalto de Lucía Novas, Auga nómade de Eva Veiga, O fardel da memoria, de Conde Corbal, Tres tempos e a esperanza, de Mariví Villaverde, Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra, de Álvaro Cunqueiro, Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil, de Manolo González, 365 días 365 mulleres, Ti non sabes o que é ser escritora (do Manifesto de Soutomaior), A conversa expansiva. O pasado por vir, O pasado por vir II, Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra, Regreso á illa de San Simón, As 9 cruces, Desmontando a propaganda franquista e Tes cinco minutos #3 (da Escola de letras). As persoas que se acheguen ata a caseta da institución provincial poderán recibir tamén agasallos promocionais, como cadernos e lapis co lema Cultura cos pés na terra. Os lapis, ademais, inclúen sementes para que a xente poida, de xeito simbólico, cultivar cultura nas súas casas.
Como actividade complementaria, o venres, 14 de xullo ás 21.00 horas, terá lugar o espectáculo de narración oral Estrafalaria, unha sesión de contacontos a cargo de Atenea García. Trátase dunha actividade que combina a narración oral coa manipulación de obxectos, onde o público participa activamente do relato.