Pontevedra | A Deputación de Pontevedra é neste 2021 a anfitrioa do Premio Otero Pedrayo, que as catro deputacións provinciais galegas e a administración autonómica organizan cada ano dende 1977. O galardón, cuxas bases poden xa consultarse na web, ten por obxectivo enxalzar a persoas egrexias no campo do coñecemento ou traballos que contribúan á difusión da cultura galega e dos valores propios de Galicia. Xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas que se prolongará ata o 8 de xuño.
O actual goberno da Deputación de Pontevedra xa liderou en 2017 a organización e acto de entrega do Premio Otero Pedrayo. Precisamente, aquel ano deuse un paso histórico: co nomeamento da primeira muller galardoada. Deste xeito, con Margarita Ledo rachouse coa ausencia feminina na longa listaxe masculina de premiados e abriuse o camiño a outras mulleres galegas que despois conseguiron o galardón, como Antía Cal e María Xosé Queizán. Son, ata o de hoxe, as tres únicas mulleres distinguidas entre os preto de 30 homes e máis de 20 entidades premiadas.
O Premio Otero Pedrayo, de carácter anual, está dotado con 16.000 € para honrar a memoria do intelectual Otero Pedrayo a través de personalidades ou iniciativas que continúan a liña do seu legado. Deste xeito, poderán optar ao galardón persoas nadas/ residentes en Galicia ou entidades radicadas na nosa comunidade que traballen a prol da cultura galega.
O xurado encargado da súa valoración estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, pola presidenta da Deputación de Pontevedra como vicepresidenta e, como vogais, cos presidentes das restantes deputacións provinciais, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, unha persoa representante de cada unha das universidades galegas, outra da Real Academia Galega, tamén do Instituto Padre Sarmiento, cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria e o secretario da Deputación pontevedresa.
Amais de Margarita Ledo, Antía Cal e María Xosé Queizán, recibiron o Premio Otero Pedrayo 29 homes entre os que se atopan Carlos Casares, Eligio Rivas, Xaquín Lorenzo, José Fariña Jamardo, Antonio Fidalgo, José López Calo, Xosé Filgueira Valverde, Xesús Alonso Montero, Emilio Duro, Darío Xohán Cabana, Isaac Díaz Pardo, Xosé Trapero, Antonio Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Julio Ogando, Manuel María Fernández Teixeira, Uxío Novoneyra, Miguel Anxo Araújo, Francisco Javier Río, Marcos Valcárcel, Manuel Fraga, Basilio Losada, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Arcadio López, Acisclo Manzano, Manuel Buciño, Francisco Martín Iglesias e Ramón Villares. Tamén entidades como a Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento, a Fundación Otero Pedrayo, o Grupo Marcelo Macías, a Escola Aberta de Marín, o Instituto da Lingua Galega, o Museo de Pontevedra, a Asociación de Amigos do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, a Comunidade do Mosteiro de Oseira, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Centro Galego de Bos Aires e de Montevideo, a Hermandad Gallega de Venezuela, a Real Sociedad Benéfica Española, a Real Academia Galega e Laboratorio de Formas, a Casa Hamlet, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Castelao.