Pontevedra | A Deputación de Pontevedra formará parte dos Grupos de Traballo sobre Boas Prácticas e Experiencias de Xestión na implementación local dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que porá en marcha a Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 da Federación de Municipios e Provincias (Femp). Así o anunciou hoxe a presidenta, Carmela Silva, tras participar na sesión do Consello de Goberno, no que participa a institución provincial.
A Femp considera fundamental a aportación dos concellos e entidades locais para axudar na implementación dos ODS, como xa fixo a Deputación de Pontevedra quen remitiu as iniciativas xa desenvolvidas de boas prácticas na súa xestión. A intención da institución provincial, como sinalou Carmela Silva, é seguir profundizando nestas actuacións coa súa participación nos grupos de traballo que se formarán a partir de agora.
A Rede tamén coñeceu os avances do documento sobre a estratexia para implementar a folla de ruta da Axenda 2030. Xa se teñen as directrices, nas que a presidenta provincial puxo en valor que os concellos formen parte activa, e engadiu que deberían participar agora “tanto na definición da estratexia como na asunción de recursos para aplicala a nivel local”.
Carmela Silva sinalou que a Deputación xa participou nas directrices e agora o fará na estratexia. “A Axenda 2030 é realmente por onde vai ir o mundo, tanto a nivel económico, social, de posición da igualdade das mulleres, e todo o que ten que ver coa transición ecolóxica e a loita contra a pobreza”, dixo a presidenta. “Polo tanto, engadiu, é o gran marco do mundo que se quere construír. A Deputación de Pontevedra ten un papel moi protagonista na Rede porque somos unha gran referencia en boas prácticas. De feito, o noso orzamento está orientado ao cumprimento da Axenda 2030. Xa o estivo no 2020 e mais no 2021, e tamén creando unha rede cos 61 concellos da provincia para que sexamos un modelo a seguir por outros territorios galegos e do estado español”.
Na actualidade, como informou na sesión o presidente da Rede, José Hila, forman xa parte desta Rede un total de 266 entidades locais, aínda que coas últimas incorporacións esta cifra chegará en breve a máis de 280. O 25% dos integrantes son concellos de menos de 2.500 habitantes, un feito que amosa, segundo o presidente, “a necesidade destes concellos de facerse ver no eido dos ODS e tamén que o demográfico é un dos grandes retos e nesta rede está presente”.
Entre as novas iniciativas que tamén se anunciaron figura a celebración de cursos de formación e capacitación na Axenda 2030 para o persoal das entidades locais que vai poñer en marcha a Femp, e nos que tamén participará a Deputación de Pontevedra