Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña publicou este mércores, 16 de agosto, no Boletín Oficial da Provincia a aprobación da concesión definitiva de subvencións correspondentes ás axudas para a consolidación e ao fortalecemento do tecido empresarial nos concellos da provincia da Coruña a través do apoio aos investimentos en bens inventariables do PEL Emprende Investimento 2023.
Destinaranse un total de 3.763.486 euros para apoiar a 491 negocios de toda a provincia na compra de maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario e equipos para procesos de información.
En canto á tipoloxía das entidades beneficiarias, o 77,39% son profesionais autónomos/as con 380 solicitudes concedidas. Ademais, un 31,36% dos beneficiarios realizan a súas actividades económicas en sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial en Galicia.
Sinalar que 189 beneficiarios/as teñen o seu domicilio fiscal en concellos de 5.001 ata 10.000 habitantes (o que representa o 38,49% do total) e 88 en concellos con poboación maior ou igual a 20.000 habitantes (o que representa o 17,92%).
Os datos mostran que os criterios valorables establecidos na convocatoria son efectivos á hora de favorecer ás persoas autónomas, así como aos concellos máis rurais da provincia, cun 64,56% dos beneficiarios en concellos de menos de 10.000 habitantes.
A través desta liña concreta de axudas, a entidade provincial quere facilitar a posta en marcha de novos proxectos empresariais innovadores, así como tamén apoiar aos xa existentes, co fin de estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial, fomentando o desenvolvemento equilibrado do territorio e favorecendo a creación de emprego a través da creación de empresas.
Ligazón ao BOP coa resolución das axudas:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/08/16/2023_0000006752.pdf
O PEL como motor de emprendemento na provincia
A Deputación, a través do Plan de Emprego Local pretende amosar o seu apoio ao tecido empresarial da provincia, co obxectivo de acadar uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio.
Estas axudas teñen como finalidade promover un modelo económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora na provincia así como o sostemento dos negocios como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a mellora da competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.
O Plan de Emprego Local constitúe unha estratexia integrada de cooperación para o desenvolvemento que ten como principal obxectivo fixar poboación nos concellos da provincia e contribuír a un crecemento sostible dos mesmos promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a empregabilidade das persoas en situación de desemprego, especialmente no ámbito rural.