Vigo | A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de anunciar a convocatoria da comisión de seguimento do convenio co Concello de Vigo para o martes, 11 de xuño, na sede de Vigo da Deputación, co obxectivo de trasladar aos representantes municipais a proposta dunha “solución excepcional” ao acordo bilateral que está a piques de perder a súa vixencia.
Tal e como se comprometera na reunión anterior, celebrada no mes de abril, a vicepresidenta xunto á deputada provincial María Ramallo, leva semanas traballando nunha saída satisfactoria en cumprimento dos acordos do Convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra.
Este plan contempla a execución dun plan de mellora da mobilidade urbana sostible na cidade de Vigo 2021-2023, recuperación do sistema dunar na praia de Samil e mellora da cubrición do patio no colexio Javier Sensat, e preservando o bo uso dos fondos públicos.
Respecto á comisión de seguimento, Sánchez reiterou a vontade e absoluta disposición da Deputación de Pontevedra a colaborar e chegar a acordos co Goberno municipal en beneficio da cidade como así, dixo, “o estamos a demostrar, con feitos”, en clara referencia ao convenio co Concello de Vigo para a reforma da grada de Gol aprobado no pleno do pasado venres.