Pontevedra | “Viaxe ao reino das emocións” é o proxecto educativo co que a Deputación de Pontevedra colabora coa Fundación Meniños para fomentar a educación das emocións nos centros educativos da provincia. É unha iniciativa que pretende introducir ás nenas e aos nenos máis pequenos, das etapas de Infantil e primaria, nunha aprendizaxe fundamental para o seu desenvolvemento como é a educación das emocións. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e representantes da Fundación, visitaron esta mañá o CEIP Belesar de Baiona, que participa neste proxecto.
A través deste proxecto búscase integrar a educación emocional na actividade habitual das aulas, implicando ao alumnado, profesorado e familias. Mediante a educación das emocións, nenos e nenas conseguen unha mellor autoestima, unhas relacións sociais positivas e unha boa adaptación escolar, social e familiar. Actúa, así mesmo, como factor protector ante o desenvolvemento de condutas violentas coma o bullying ou a violencia de xénero.
Os centros educativos de Primaria que o desexen, tal e como está a facer o CEIP Belesar, poden participar nesta iniciativa. A Fundación Meniños ten creado toda unha serie de material específico que permite un traballo estruturado nas aulas sobre a educación emocional. Dentro das actividades propostas, cada colexio escolle aquelas que se axeitan mellor á dinámica das clases, ás características dos grupos e á programación escolar. Hoxe en Baiona, Carmela Silva e Digna Rivas coñeceron as actividades que ao través da lectura, a música a danza e as conversas, desenvolven dentro da “Viaxe ao reino das emocións”.
A Fundación Meniños é unha ONG que traballa polos dereitos da infancia e da adolescencia en situación de dificultade social, contribuíndo a xerar un ambiente familiar de seguridade e afecto. Dende a súa creación en 1991, nos seus programas de intervención ten atendido un total de 7.626 nenas e nenos e 5.656 familias. Nos seus proxectos e preventivos, como o de hoxe, teñen participado 113.768 nenas e nenos e máis de 7.000 docentes de preto de 1.000 centros educativos.