Lugo | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, anunciaron este martes tras unha reunión na sede da institución provincial lucense, no Pazo de San Marcos, o acordo das tres administracións para dar estabilidade e seguridade laboral aos 400 traballadores e traballadoras dos parques de bombeiros.
Formoso lembrou que a decisión vai afectar a 400 familias de traballadores, “que están sempre aí, nos momentos máis complicados, atendendo un lume, rescatando a unha persoa atrapada, respondendo a un accidente de tráfico.
Uns servizos esenciais que son desenvolvidos por servidores públicos dende que no ano 2016 as tres Deputacións aquí presentes apostamos polo público, por reverter a situación de privatización destes servizos que daquela se producía en Galicia”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña.
As tres institucións, co aval dos servizos técnicos dos respectivos consorcios provinciais de control de incendios e salvamento, apostan por aplicar o recollido nunha recente sentenza de unificación de doutrina que ditou o Tribunal Supremo con respecto ao caso dunha traballadora do SAF de Navarra, un ditame xudicial que abre a porta a darlles estabilidade e seguridade laboral aos traballadores dos parques de bombeiros, sen que teñan que pasar por un proceso selectivo.
Polo tanto, aplicando esta sentenza, “o que faremos é estabilizar aos bombeiros como persoal laboral subrogado, mantendo a relación laboral de contrato indefinido coa Administración, sen levar a cabo un proceso de selección, que, de producirse, evidentemente, poderían supoñer cambios nas plantillas. Desta forma, estabilizamos as plantillas existentes”, subliñou o presidente da Deputación de Lugo.
“Facémolo apelando á sentenza do Supremo, e tamén dende a defensa que sempre facemos dos dereitos dos traballadores e traballadoras, e para a prestación á cidadanía duns servizos públicos esenciais de calidade”, asegurou José Tomé.
“Isto xa é o que queriamos facer, e entendemos que a sentenza do Tribunal Supremo avala a nosa postura. Unha decisión que busca garantir a continuidade e a calidade na prestación dun servizo público esencial, ao tempo que dá estabilidade e seguridade laboral ós profesionais que agora o desempeñan”, incidiu Tomé Roca.
Esta aposta polo público foi tamén salientada polo deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, quen sinalou que acadar a estabilidade dos cadros de persoal “foi algo que xa considerabamos fundamental cando no ano 2016 lle formulamos á Xunta o cambio de modelo cara a xestión pública”. Para López Font resultaba imprescindible que “as Deputacións désemos unha resposta conxunta á sentenza do Tribunal Supremo que afecta ás cadros de persoal de bombeiros. As deputacións informarán do acordo aos representantes dos traballadores, e trasladarán á Xunta o informe que elaborarán os respectivosservizos técnicos dos consorcios para artellar a materialización da medida, esperando que a Administración autonómica, que participa nestas entidades ao 50%, se sume a este posicionamento.