Ponteareas/EU | O pasado venres 23 de marzo, a Coordinadora Nacional de ESQUERDA UNIDA e deputada no Parlamento de Galicia por En Marea, Eva Solla e a deputada por IU no Parlamento Europeo, Paloma López, visitaron a canteira de Parada en Xinzo, onde se produciron as verteduras de terras con lindano procedentes das obras de saneamento de O Contrasto en O Porriño. Na visita foron acompañadas por Lino Costas e Pedro Ocampo, concelleiros de EU-son en Ponteareas e O Porriño respectivamente.
Nesta zona contaminada reuníronse con membros da Xunta Directiva da traída de augas de Parada-Rocha, que explicaron ás deputadas os pormenores das súas actuacións para garantir a non contaminación das augas destinadas ao abastecemento desde que se detectou a vertedura de lindano.
Posteriormente, a xuntanza foi con membros da asociación ecoloxista ADENCO co obxectivo de coñecer o resultado das súas reclamacións ante o Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia e a Valedora do Pobo con respecto á vertedura de lindano.
A visita estivo enmarcada dentro da xornada que adicaron as deputadas a coñecer de primeira man a situación das zonas de O Porriño afectadas polas verteduras de lindano así como a zona da canteira de Xinzo en Ponteareas, o que lles servirá de base para continuar as distintas xestións que están levando a cabo ao respecto tanto no Parlamento de Galicia como no Parlamento Europeo con respecto a estas verteduras altamente contaminantes.
ESQUERDA UNIDA lembra que a pesares de que o alcalde de Ponteareas comprometeuse -a proposta do concelleiro de EU-son, Lino Costas- a dar explicacións documentadas das súas actuacións con respecto ás verteduras de lindano na canteira de Xinzo como moi tarde no pleno do 20 de marzo, dita información non foi trasladada a día de hoxe.