Pontevedra | Música feita por mulleres, reivindicación feminista e visibilidade ás artistas da provincia. A explanada de Montero Ríos de Pontevedra, ao pé da escalinata exterior do Pazo Provincial, foron esta tarde o escenario perfecto para o “programón”, en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do evento de “Descúbre-as” co que a institución devolveu a música en vivo á cidade de Pontevedra da man “das nosas aloitadoras e conquistadoras, as nosas brillantes activistas da vida cotiá na música”.
A gala, celebrada co estrito protocolo Covid co que a Deputación desenvolve os seus actos culturais, conxugou diferentes accións protagonizadas por mulleres, con actuacións en directo, proxección de audiovisuais e a presentación da iniciativa de mentorización deste programa, que busca “visibilizar e apoiar” ás mozas da provincia que queren comezar a súa carreira na industria musical.
Conducido pola compositora viguesa Natalia Rial, Natary Feel, a gala reuniu sobre o escenario a tres das músicas con maior proxección na provincia. Dunha banda, Mariña Paz e Irene Teijeira, vocalista e guitarrista respectivamente do grupo Furious Monkey House, e alumnas do Estudo Bonobo de Pontevedra, que interpretaron os temas “Empire of ants” e “Pink+White”. E doutra, a da violonchelista Margarida Mariño, que tocou as pezas “Alcume” e “Enxame”.
“A gala reuniu sobre o escenario a tres das músicas con maior proxección na provincia: Mariña Paz, Irene Teijeira e Margarida Mariño”
A presidenta provincial Carmela Silva enxalzou o papel que están a acadar as mulleres na música e na cultura en Galicia, “unha auténtica revolución”, e detallou o programa de mentorización de “Descubre-as”, a “potente plataforma” promovida pola institución para “favorecer que as rapazas da provincia con inquietudes musicais adquiran coñecementos con titorías para axudarllas na proxección das súas carreiras”.
Beneficiaranse nesta primeira edición oito mozas de entre 16 e 26 anos, que recibirán un programa de titoría e asesoramento personalizado co obxectivo de lanzar a súa carreira musical. O programa, para o que seguen abertas as solicitudes, terá unha duración de dous meses con acceso a bolsas dun valor cada unha de 1.000 euros.
Audiovisuais
O evento desta tarde tivo tamén un marcado carácter revindicativo da axenda feminista “para seguir loitando pola igualdade e acabar coas discriminacións que tamén sofren as mulleres no mundo da música”. De feito, proxectáronse diferentes audiovisuais, entre eles o vídeo colaborativo creado no marco de “Descúbre-as”, no que vinte rapazas de diferentes escolas de música da provincia uniron as súas voces xunto a 15 instrumentos (un total de 35 participantes) para interpretar a canción “Matriarcas”, de Guadi Galego.
Os outros dous audiovisuais que se exhibiron deixaron patente a relación da música co feminismo a través de reportaxes de artistas e cancións icónicas. No primeiro deles con mulleres que marcaron a historia da música coma Nina Simone, Aretha Franklin, The Runaways, Madonna ou Gloria Gaynor e, no segundo, con temas en defensa da igualdade e artistas máis actuais coma Zahara, Ana Tixous, Kesha, Cristina Aguilera, Demi Lovato, Rozalén, Mala Rodríguez, Gatta Catana, Guadi Galego, Sés ou Pauliña.