Desde o mesmo rural.

Escoitei unha conversa moi atinada respecto ao que nos está a pasar. Eran verbas de muller, coido que Virxinia, e facía análise acertada do que nos está a dar dores de cabeza, coido que do corazón tamén. Vivimos un parón, un caos económico e social. Está claro, porque é incrible polas consecuencias que, sabemos, trouxo este abandono e aínda pode traer máis co virus este que nos rodea. Nada volverá ser o que foi. Esta é unha emerxencia social e sanitaria terrible na que nos xogamos a mesma existencia. Deica aquí, quen nos trouxo foi este sistema impetuoso de destrución e morte, anque todos esteamos en alerta, por ser como é verifica moitas a desfeita e aventa que aínda pode haber máis danos. A máquina parou e parou para moito tempo. Ben se vía. Aquel invento elegantísimo da globalización demostrou que homoxeneizar é un erro tan vello como o mundo. Canto máis universal se queira facer algo, máis axiña morre dividido en grupos mínimos de variables. Esta crise sistémica provoca que un fallo no extremo do mundo, destrúa a diversidade, os modos de vida, as culturas, as linguas, os fundamentos mesmos do que é a vida, a xenerosa heteroxeneidade que é unha adaptación de sobre-vivencia. Estabamos na dependencia escrava dos combustibles fósiles, dos plásticos, no mercadeo e consumo excesivo, eucaliptización, abuso do expansivo de minas asasinas e irrespectuosas, muíños que son industrias enormes de aeroxeneración e arrasan por onde pasan, levando por diante os modos de resistencia vital e única de moreas de xentes abeiradas ao baleiro dun espazo cada vez máis atacado, e polo tanto “baleirado”. Acaban con nós e os beneficios va para fóra, son empresas do Este. Leváronnos os modos de vida que viñan de atrás, adaptacións de miles de anos feitas con pousos desde a orixe mesma da Nosa Cultura e que son arrasadas pola ousadía, atrevemento ou falta de sensibilidades nos que din que mandan. Descubrimos de novo a nosa vulnerabilidade enorme. Aí están os servizos públicos, tan recortados por aqueles “iluminados” dunha elite política, de privatizacións catastróficas e nefastas! E aquelas “privadas” que se inventaron, para que serviron? Onde están? Que fixeron? Irresponsables aos que ninguén lles recorda a culpa nin lles fai pagar o roubo. Nada queda, desde a crise do 2008 morreu aquela economía, quixeron salvar os bancos e castigáronnos -a todos nós- a pagar as súas débedas e fraudes, os seus roubos, os dos ricos, os do “pufo e paraísos fiscais”. Mentres tanto, aqueles que roubaron, seguen impunes e trouxeron, por lóxica, máis desigualdade. Nas crises sempre gañan os ricos, haberá un excesivo control ideolóxico? Os medios de comunicación, obedientes e dóciles, atentos á subvención e ás novidades que dite o que manda, están domeados e domean. Iremos todos cara á cidade, esquecendo a terra, a paisaxe, os ríos, a auga, a calidade do aire. O rural quedará baleirado e esquecido, empobrecido -seremos vertedoiros de lixo, lodos contaminados, inmundicias da cidade, virus, minas abrasivas, eólicos impenitentes- un rural empobrecido tamén de xente e produción sostible, que un día foi. Levaron por diante carballeiras centenarias, soutos, ríos humildes e limpos, o mar, as primaveras, a tenrura do sinxelo, …e viñeron poñernos indiscriminadamente muíños enormes, de 200 metros de alto, para que sexan macro-parques de produción en mans alleas, no eufemismo da ecoloxía e enerxías limpas, pero que levan por diante as aldeas onde se instalen, na condena de afundirnos. Tratan de quitarnos a soberanía, a propiedade, a pureza que gardamos desde as orixes do tempo. Son, eses políticos, uns depredadores que esnaquizan e venden, véndennos a nós! Mercaron aos técnicos de ciclo para que emitan informes favorables, o mesmo que fixeron con moitos medios de comunicación que insisten na mentira, a ver se ao final cremos. Pestes nos trouxeron, esta pandemia é a evidencia en forma de virus. Foron e son tóxicos eles e as súas políticas, veñen contra nós, contra a harmonía e o sosego. Cada fallo que cometen trae o caos e mínguanos a vida, perdemos o ritmo neste estrés ao que estamos sometidos. E disque isto sucederá moitos anos máis? Estámosche ben apañados! Por certo, a xustiza onde está que non se lle ve, sequera para facer o seu labor e pararlle os pés a quen nos degrada deste xeito? Andarán tamén ocupados nas mentiras?