Desestabilizar.

Estamos nun estado latente de envelenados cultivos, próximos e de incerteza, que crean no ambiente unha tensión insoportable. Respíranse bafos efectistas e empezoñados, xorden grandes titulares neste estado inhóspito de violencia que nos arrastra cara ao peor de nós, levados da xenreira e dos odios cando proveñen desa máquina de provocación, na intervención social de medios e redes, na mentira.

Ao final son clientelismos, queiramos ou non, case inconscientes de formatos ideolóxicos que nos instigan a comportamentos de incitación, exentos de liberdade, someténdonos a xuízos urxentes, onde a demagoxia tamén ten algo que ver e onde chegamos a amosar os nosos peores instintos, xa inhumanos, eses que están lonxe da pacífica convivencia e da tolerancia, tamén de calquera forma de democracia, aínda en baixa cota. Se analizamos as noticias que nos dan en grandes titulares, eses medios de intervención social, resulta lamentable e suicida. Convértense en cómplices do desastre.

Non é certo nin pode ser posible que haxa quen equipare delincuencia con inmigración, sobre todo despois do que levamos vivido e das memorias que aínda temos a flor de pel da nosa contorna, onde sabemos a albiscada dependencia que temos respecto da emigración a América, a Europa, a calquera lugar do mundo, mesmo nos submundos ou ultramundos! E non queremos lembrar. Cometemos a falta do terrible esquecemento, das memorias que non foron aprendidas e experimentadas. Aínda así, sabendo canto sabemos, desvinculámonos da nosa sociedade, do noso hoxe, aceptando o surrealismo da inseguridade e da okupación, dos “menas” deambulando espazos perdidos, onde de súpeto aceptamos que son inimigos, perturbados que rouban á xente vella, que violan á xente nova e, despois por riba, queiman edificios e coches estacionados na propiedade privada de calquera urbanización pública ou de luxo.

“Non é certo nin pode ser posible que haxa quen equipare delincuencia con inmigración”

Hai quen fala xa de matar aos mouros, desa caste tan perniciosa historicamente falando. E ao pouco que pensemos até onde chegamos, dá gana de volver sobre dos pasos e reflexionar tan só un pouco. Cómpre regresar, como tantas veces, porque estamos na dinámica violentísima na que alguén mente, na que alguén explosiona as palabras en esaxeradas formas, sabendo que o falar -e o escribir- non ten cancelas, que se pode agrandar todo. E sobre todo sabendo que haberá quen divulgue tanta necidade perversa. Deixámonos influír por mensaxes de encirrado masivo á violencia, de desestabilización social que adxudica rapidamente o delito, sen probas, á xente máis vulnerable, aquela que non ten onde caer nin abeirar.

Debemos pensar que é o que nos ameaza de forma tan sospeitosa para alimentar ese monstro demagóxico que busca escusas para sumarnos á masa informe de protesta e de violencia, a esa espiral que en realidade é de dexeneración humana, case demente. Por riba a lei non se aplica a cantos menten, a cantos din -con premeditación- as mentiras e son responsables desta potencial delincuencia que está tan presente na sociedade. Agrandada tamén pola irreflexiva aplicación de leis que non contemplan casos, nin modos, nin proporcionalidades, nin tempos, nin lugares, nin estados, nin situacións precisas e variables de todo tipo.

Isto vén avalado tamén por un racismo exacerbado, por ese rancor nacido en frases lapidarias como que nos quitan o traballo, que nos rouban as casas, que nos ocupan os sitios, precisamente nesas diferencias que non teñen nin razón nin explicación algunha, mais cegan horizontes rexenerativos dun sistema que se debe actualizar, agrandar en admisión, en comprensión e que preconice a igualdade e a inclusión, sen máis mandangas nin patrañas dos surrealistas próceres que “gobernan”, eses si -moitos deles- no gume das navallas e do crime, do escurantismo e de leis que chegan a conculcar todas as liberdades alleas.

Mestre e músico.