Mos | O tradicional Desfile de Comparsas de Entroido do Concello de Mos contará coa participación de 16 agrupacións que suman un total de 893 persoas participantes. As comparsas clasifícanse en categoría de adultos, con 12 grupos participantes, e infantil con 4 comparsas participantes. Así mesmo participan un total de 8 comparsas mosenses e as outras 8 proceden doutros concellos.
As comparsas máis numerosas son mosenses e son a da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, co nome de ‘Pereiras a Irlanda’ e un total de 102 compoñentes, a da Sociedade Recreativa e Cultural de Guizán, que leva por nome ‘Os Enredos de Guizán’ e conta con 100 integrantes; e a da ANPA do Colexio Pena de Francia, que se titula ‘Pequenos Xestos’ e está integrada por 90 compoñentes.
O desfile celebrarase o domingo 23 de febreiro ás 17.00 horas na Avenida de Sanguiñeda. As dúas seccións nas que se divide o desfile son: infantís ata 12 anos, e adultos, de 13 anos en adiante. Considéranse dunha ou doutra categoría atendendo á porcentaxe de idade que teña maior número de compoñentes, como mínimo nun 60%.
Das 16 comparsas participantes, 8 son de Mos, 3 de Vigo, 2 de O Porriño, 1 de Salvaterra, 1 de Tomiño e 1 de Gondomar. As comparsas infantís son 4: unha do Porriño, unha de Vigo de dúas de Mos.
O comezo do desfile terá lugar diante do concesionario da Renault en dirección ás inmediacións da Discoteca Queen. Ao remate do mesmo haberá un DJ e animación infantil que amenizarán a entrega de premios.
Os premios que inclúe o Concurso de Comparsas do Desfile de Entroido do Concello de Mos son: de 15 a 25 compoñentes por participar 200€, premio único ao mellor grupo 200€, de 26 a 40 compoñentes categoría infantil por participar 300€, máis de 41 compoñentes categoría infantil por participar 400€, de 26 a 40 compoñentes categoría adulto por participar 400€, máis de 41 compoñentes categoría adulto por participar 500€, premio único á mellor comparsa infantil 500€, premio único á mellor comparsa de adultos 500€, mención especial á mellor carroza 300€, mención especial ao mellor vestiario 300€ e mención especial animación 300€.
Obradoiros infantís
Ademais do tradicional desfile de comparsas, tamén se organizan cada ano en Mos con motivo do Entroido os habituais obradoiros infantís que perseguen o obxectivo da concienciación familiar e laboral dos pais e nais de cativos/as en idade escolar durante as vacacións de Entroido.
Nesta ocasión estes talleres enfocaranse, a través do xogo, á creación de máscaras e cociña de Entroido e incluirán, como non podía ser doutro xeito, unha festa de disfraces. Impartiranse os días 24, 25 e 26 de febreiro no Multiusos das Pozas e van dirixidos a nenos/as de 3 a 12 anos de idade. O horario será matinal, de 09.00 horas a 14.30 horas e o prezo polos tres días ascende a 30 euros, mentres que os días soltos custarían 13 euros por día.