O Bolo | A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organizou o acto de entrega dos diplomas e placas de “Compromiso de Calidade Turística” aos 10 servizos turísticos do destino “Trevinca-Valdeorras”, logo de ser aprobados pola Mesa da Calidade do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta tarde no Castelo de O Bolo, xunto ao alcalde do municipio, Alberto Vázquez; e ao director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, na entrega destas distincións que dá boa conta do “doce momento” que está a vivir o turismo provincial e, especialmente, na comarca de Valdeorras. Circunstancia que, como dixo o presidente provincial, débese aos seus infinitos recursos pero, sobre todo, aos profesionais do sector que “facedes única e xenuina a experiencia do visitante no noso territorio”.
Na súa intervención, o presidente provincial puxo en valor o poder do turismo como “ferramenta para afrontar o reto demográfico e xerar oportunidades no rural”. Un turismo que, para o presidente da Deputación de Ourense, debe pasar pola sustentabilidade, a calidade e a interacción respectuosa do visitante co territorio.
Con esta primeira entrega de placas e diplomas, o Destino “Trevinca-Valdeorras”, coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, pasa a formar parte do Sistema Integral de Calidade Turística implantado en toda España coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e o soporte da Deputación, a través do Inorde, que é o ente xestor deste xeodestino.
Este compromiso coa Calidade Turística do Destino “Trevinca-Valdeorras” garántese coa implicación de todos os servizos turísticos públicos e privados que atenden a aqueles que visitan este territorio. A entrega das distincións de hoxe “dá visibilidade a ese traballo e esforzo que amosades durante todo ano”, salientou Luis Menor.
Neste sentido, o presidente provincial felicitou aos servizos turísticos distinguidos por acadar este recoñecemento e ser pioneiros nesta comarca nesta distinción. Así mesmo, animounos a continuar traballando pola calidade do destino e ao resto de empresas que operan no xeodestino a que se sumen a este Compromiso de Calidade Turistica.
O apartado musical durante o acto correu a cargo do cantautor valdeorrés natural de Casaio, Sito Fernández.
Dez servizos turísticos distinguidos
Os servizos distinguidos hoxe, no acto celebrado no Castelo de O Bolo -un dos que logrou esta certificación-, son: a Bodega Roandi do Barco de Valdeorras; no apartado de aloxamentos rurais están Eido das Estrelas, Eido do Trisquel, O Trisquel, todos eles da Veiga e Pacio do Sil de A Rúa; a empresa de turismo activo Terras Altas de Trevinca de A Veiga, os hoteis Pena Trevinca e Pazo do Castro -que tamén adheriu ao restaurante- de Carballeda de Valdeorras e do Barco de Valdeorras, respectivamente.