Día da Danza en A Coruña

O Goberno local reforza o seu compromiso coa música e o baile tradicional e promove a súa visibilización con tres xornadas de actuacións na rúa

danza

A Coruña | O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá as actividades que terán lugar con motivo do Día da Danza 2017, o 29 de abril. Nesta ocasión, e co obxectivo de “afondar no seu compromiso tanto co mundo tradicional como coa propia danza”, sinalou o edil, o Goberno local prolongará a celebración da efeméride e ofrecerá unha programación, organizada en colaboración con tres entidades de música e baile tradicional locais, que se estenderá polas rúas da cidade desde o venres, 28 de abril, até o domingo 30. Así, as asociacións culturais Donaire, Son d’aquí e Xacarandaina ofrecerán ao vivo unha escolma do seu traballo a través de tres pasacalles que percorrerán as rúas e prazas da Coruña, ata chegar á praza de María Pita, nas tardes da vindeira fin de semana.

“Este ano queremos poñer en valor ao baile tradicional e darlle protagonismo nesta efeméride”, sinalou Sande, quen lembrou que, na pasada edición, os festexos estiveron vinculados “a experiencias comunitarias” a través da programación especial de danza contemporánea que o Teatro Rosalía Castro ofrece no ciclo TRC Danza. “Este Goberno ten o firme compromiso de dotar de máis presenza ás artes do movemento na programación municipal alén desta celebración, como así demostra o impulso no outono do festival Quincegotas, o apoio ao ciclo TRC e a súa programación expandida ou a creación do proxecto Ardelloeixo, que levou o baile e a música tradicional aos barrios con grande aceptación por parte da veciñanza”, explicou o edil.

“Esta énfase no mundo tradicional, tras o éxito das foliadas de Ardelloeixo, unha iniciativa coprogramada co tecido cultural e asociativo da cidade, foi clave para que hoxe presentemos este Día da Danza 2017”, explicou o responsable municipal, quen incidiu “na necesaria aposta” pola “cultura de proximidade”. “Donaire, Son d’aqui e Xacarandaina representan o apoio constante que este executivo ofrece ás entidades locais que traballan no eido da música e do baile tradicional, pois grazas o seu labor non só manteñen vivo o noso folclore, senón que teñen un papel fundamental na cidade grazas a súa constante vocación de innovación e rexeneración cultural”, especificou o concelleiro.

Así, durante tres xornadas, estas tres agrupacións realizarán distintas intervencións a través de pasacalles, ofrecendo “unha reinterpretación, en clave creativa, do espazo público como lugar de convivencia para a cidadanía e os usos culturais”, afirmou Sande. Desde modo, o venres 28 de abril, e desde as 19.30 horas, a Asociación Cultural Donaire iniciará a programación municipal do Día da Danza 2017 cun percorrido que partirá da praza de Lugo, para continuar polos xardíns de Méndez Núñez e a avenida da Mariña ata chegar a María Pita.

Pola súa banda, Son D’aquí comezará o seu pasacalles o día 29, ás 18.30 horas na praza dos Avós. A agrupación percorrerá o barrio de Monte Alto a través do Campo de Marte e o Campo da Leña. Desde alí, a formación desprazarase até a praza de Azcárraga para, a continuación, ofrecer unha última actuación na praza de María Pita. Finalmente, o domingo 30, e tamén desde as 18.30 horas, Xacarandaina partirá da praza Recife cara a María Pita, e contará coa actuación “de todas as súas agrupacións, de idades que comprenden desde os 3 até os 70 anos”, segundo avanzou Cristina Rodríguez, membro da directiva da asociación cultural. O percorrido completarase ao paso pola praza de Pontevedra, Santa Catalina, Obelisco e rúa Real. “Queremos achegar á cidadanía o baile e a música tradicional, e que o vexan e entendan como algo propio e natural”, engadiu Rodríguez.

TRC Danza

Ademais da programación especial polo Día da Danza, o ciclo das artes do movemento do Teatro Rosalía Castro, TRC Danza, ofrecerá dous espectáculos esta fin de semana. Así, o venres 28, o recinto municipal acollerá ás 20.30 horas a estrea de Green, un espectáculo de danza teatro que conta con Patricia Ruz na dirección escénica e coreográfica. As entradas están á venda, desde 10 euros, nas canles de venda habitual, como son no despacho de billetes da praza de Ourense –de luns a venres en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, a través do servizo de televenda 902 044 226 –de luns a venres de 09.00 a 22.00 h, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas–, e www.ticketea.com. O colectivo de persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidoras do carné xove, obterán unha bonificación do 20%.

A programación especial contemporánea completarase o día 29, no Día Internacional da Danza, co espectáculo Lur away, de Sra. Polaroiska –das creadoras Maria Ibarretxe e Alaitz Aranzana–.

As entradas para asistir á obra, que comezará ás 20.30 horas, xa están a venda desde 5 euros nas a través das canles habituais.