Contábame Díaz Pardo unha anécdota que lle pasara con Ánxel Fole de protagonista cando se inaugurara o Laboratorio de Formas de Galicia. Ocorréraselle a Isaac levar ao acto ao Gobernador de Lugo; nunca tal fixera!. Cando llelo foi presentando aos convidados, que o saudaban con in-disimulada frialdade protocolaria, Ánxel Fole, estendéulle a mana ao tempo que lle dicía co seu aquel retranqueiro: “A Gobernadores civiles he conocido yo a muchos, si señor!”.E sen máis, déulle as costas deixándoo desconcertado.
Fole evidenciaba co seu desdén a incosistencia dalgunhas biografías relevantes na medida que son alguén por razón do cargo institucional que desempeñan; persoas que pasan por este mundo como almas en pena, sen deixaren pouso, porque non tiña entidade de seu. Un cualificado especialista en medicina sicosomática dicía que a experiencia da vida é un tesouro cando pode ofrecerse aos demais como se ofrece un agasallo.Dos demais, dos que non deixan remol da súa existencia, non existen na memoria colectiva dun pobo. Aquel gobernador era un preclaro exemplo.
Sen embargo, Isaac Díaz Pardo é merecente de todas as louvas que se lle poidan facer para perpetuar a súa memoria polos séculos dos séculos. Foi unha figura sobranceira que traballou arreo para facer posible a reconstrución da identidade galega. Súa é a autoría da marca Galicia, que Cerámicas de Sargadelos proxectou no mundo con inxenio empresarial expresado en lingua galega. Por iso dicimos que foi el, xunto con outros precursores –Enrique Peinador, Isidro Parga Pondal, Ramón Ovella Vidal, Antonio Fernández…- os auténticos forxadores da identidade do progreso económico de Galicia, valéndose da aplicación desa ecuación que asegura o éxito dos negocios, o I+D+i, ao que Isaac lle engadíu un novo sumando, o “G”, de galeguidade, practicando así, con acerto e xenerosidade, a responsabilidade social corporativa, cuxa filosofía implica a inculturización da actividade empresarial.
O seu maxisterio permanecerá na historia de Galicia como un exercicio de imaxinación intelixente e transcendente. Velaí porque o Foro E. Peinador quixo dedicarlle este ano o Día da Galeguidade Empresarial, que se escenificará en Pontevedra o próximo día 26 ás 12:00 horas, coa inauguración dun monumento nos xardíns inmediatos á Facultade de Belas Artes, grazas ao patrocinio do Concello de Pontevedra e ás colaboracións da Escola de Canteiros de Poio da Deputación Provincial e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Unha placa colocada no fuste do monumento recolle unha frase súa que caracterizou a súa actitude vital: “Cando os anos me venzan, xa decomposto todo e farto de facer todo o que fago, non sei o que farei…Estou tan afeito a perder que non sei que facer se un día gaño”.
Isaac, no fondo, sabía que ningún esforzo é inútil. O Foro E. Peinador celebrará, seguindo o seu exemplo, nos próximos meses actos de investidura de galeguidade empresarial en Rodríguez López Auto, Con servas Frisco, Feiraco, Seguridade A-1, Itelsis, Cooperativa Hox.Tamén, co concurso das universidades galegas, celebrará un encontro coas grandes empresas da área metropolitana viguesa, para trasladarlles o discurso da galeguidade empresarial.