O Pereiro de Aguiar | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, asistiu aos actos conmemorativos do Día da Patroa de Institucións Penitenciarias Nosa Señora da Merced, que tiveron lugar no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar.
A celebración deu comezo cunha misa, seguida dun acto institucional e entrega de recoñecementos, conducido polo director do centro penitenciario ourensán, Francisco González, que destacou o gran traballo que realizan a diario os seus funcionarios e a boa actitude dos internos en canto á participación nas numerosas actividades educativas, laborais e formativas, así como programas especializados de tratamento que lles ofrece o centro.
Tamén mencionou as saídas programadas que organizan co obxectivo de lograr o desenvolvemento persoal e a preparación para a vida en liberdade dos máis de 100 internos participantes; as melloras realizadas nas súas infraestruturas; e non se esqueceu dunha especial mención ás forzas de seguridade do Estado, Xudicatura e Fiscalía, pola súa estreira colaboración. “Compartimos o obxectivo común que é velar pola garantía dos dereitos dos cidadáns e dos internos e internas así como pola seguridade de todas e todos”, sinalou.
O Centro Penitenciario de Pereiro resaltou, coa entrega de recoñecementos, a evolución de varios internos, a traxectoria de diversos funcionarios e o importante labor social realizado por persoal da Garda Civil, Policía Nacional e diversas entidades que colaboran a cotío co centro ourensán.
Eladio Santos, destacou o bo funcionamento do centro do Pereiro en canto ao logro do obxectivo de reeducación e reinserción social de quen cumpre condena. “A chave dos resultados está no persoal, e non tanto nos regulamentos. Só as persoas son capaces de xerar este cambio rehabilitador nos internos”.
Mostra de que o modelo ourensán funciona é que “o 80% dos internos deste centro penitenciario non reinciden. Un notable alto, e subindo, o que fala da súa excelencia. Rexeitamos experimentos represivos e destrutivos. Trátase unha vez máis de transformar para construír”, insistiu.
Ademais, o subdelegado lembrou o apoio que o Goberno de España está a mostrar ás institucións penitenciarias. “No caso de Pereiro, ademais da recente renovación das instalacións de cociña, que son modélicas, xa están aprobadas inversións por valor de cinco millóns de euros para a recollida de pluviais e optimización de cubertas, renovación de pavillóns de funcionarios e celas, melloras de fachadas e na eficiencia enerxética, instalacións de enerxías renovables, por citar algúns”, explicou.
Destacou a colaboración das forzas de seguridade do Estado, ONG´s e Xudicatura. “Son axentes moi necesarios, eu diría que imprescindibles, xa que son parte deste proxecto”, dixo. E dirixiuse, por último, aos internos, para animalos a que “aproveitedes os programas e oportunidades que vos ofrecen neste centro. Erguerse tras unha caída ou un fallo faite máis forte, máis grande e abre o camiño a unha vida feliz”.