Día da Muller Rural en Monterrei organizado por Femuro

Luís Menor agradece ás mulleres rurais o seu labor “facendo e coidando Ourense desde o rural”

Monterrei | A área recreativa de Sendín, no municipio de Monterrei, acolleu a celebración do Día da Muller Rural, organizado pola Federación Provincial de Mulleres Rurais, (Femuro), e ao que asistiu o presidente provincial, Luís Menor, quen agradeceu a invitación a compartir esta xornada, pensada para poñer en valor “a contribución inmensa das mulleres galegas ao desenvolvemento económico da nosa terra”.

Esta aposta por unha Galicia na que o rural siga vivo, na que a remuda xeracional sexa unha realidade e na que a muller siga sendo protagonista é, a xuizo de Luís Menor, grazas ás mulleres rurais, pois “históricamente fostes o gran motor e sustento da nosa terra, dos nosos fogares… E seguides sendo imprescindibles”.

Ademáis de amosar o apoio da Deputación ás mulleres rurais, con iniciativas como o “8M, mes a mes” ou o “EmprendOU en feminino”, dedicado a favorecer o emprendemento no rural de mulleres menores de 30 anos, Menor deixou claro que “por manter viva a nosa provincia hai que darvos as grazas a todas as mulleres que adicades o voso día a día a construir e mellorar o rural ourensán”.