Día da Patria ou Día Nacional de Galicia.

Remedando ao poeta poderiamos dicir “ai ven o 25 de xullo pero sen flores cuberto”. Dende os albores desta nosa chamada democracia, aínda que en panais, vense utilizando o Día 25 de Xullo de moitas maneiras.

“Para os poderes fácticos (…) o día 25 do mes que andamos resulta ser o Día do Apóstolo, o Día de Galicia, etc. Para o mundo máis ou menos nacionalista vénselle chamando DÍA DA PATRIA”

Para os poderes fácticos que, agás un pequeno interregno gobernaron este noso País, o día 25 do mes que andamos resulta ser o Día do Apóstolo, o Día de Galicia, etc. Para o mundo máis ou menos nacionalista vénselle chamando DÍA DA PATRIA para que, polo menos un día do ano, Galiza sexa unha Patria, ou sexa unha nazón.

Non vou entrar en disquisicións semánticas porque iso non nos levaría a ningún lugar. O que si poderíamos analizar un chisco polo miúdo seria: que somos realmente?  Somos unha nazón sen goberno nin estado, somos un dos enxendros saídos da Constitución do 78 (esa que ultimamente está presente en todos os guisos), somos, mellor volvemos a ser, unha rexión daquelas que estudamos nos nosos tempos mozos, ou que somos realmente?

Estes días estase a falar de como pode o partido do goberno Central afrontar o problema de Cataluña. Uns din que se trata de darlle largas ao tema para que os cataláns se vaian arrefriando  e cuns cantos miles de millóns de euros máis dos que veñen de Europa xa se van dar por satisfeitos. Outros opinan que o Goberno catalán vai forzar un referendo de ….aquí é onde está a nai do año: autodeterminación, soamente de ampliación de competencias, dunha suposta federación de todo o Estado Español, e non sei se aínda poderiamos falar doutra variante nova.

O que si está claro é que, se os poderes do Estado se poñen en marcha, é porque os cataláns teñen máis forza, poder e razóns do que se lles pretende recoñecer. Son xa uns cantos séculos que serven de alicerce para que o pobo catalán esixa os seus dereitos aos que nunca renunciaron; claro que os considerados donos das esencias patrias negan a maior. Para eles, Cataluña nunca tivo outra personalidade política propia que non fora a concedida polos sucesivos gobernos centralistas. Claro que, estou seguro, saben que iso non é así.

“O que si está claro é que, se os poderes do Estado se poñen en marcha, é porque os cataláns teñen máis forza, poder e razóns do que se lles pretende recoñecer”

Pero diante da ignorancia histórica que padecemos, esa mensaxe vai calando coma unha mormaceira nos ósos do corpus político do Estado e failles crer que teñen todas as bazas para gañarlle a partida aos cataláns.

Persoalmente creo que están errados. Cometeron un grave atentado contra os Estatutos de Autonomía dos anos 2006, se non me falla a memoria, e agora non saben como saír da touza na que se meteron.

Pero deixemos andar o can coa roca catalá, que el dará conta da mazaroca.

A nós o que debe importarnos é que pintamos como Pobo neste banquete de “trileiros”? Cal é a posición de Galicia nestes momentos? De que forza dispoñemos para tentar botarlle un pulso ao Goberno Central, como están facendo os cataláns?

“A nós o que debe importarnos é que pintamos como Pobo neste banquete de “trileiros”? Cal é a posición de Galicia nestes momentos?”

Resulta obvio que nin de lonxe poderiamos compararnos. Pero isto non sería o máis grave e preocupante se non fora porque nin sequera estamos adestrando no ximnasio político para que, en pouco tempo, poidamos botarlle un pulso ás forzas estatais que consideran son quen de decidir por nós.

Vexamos como está o panorama neste 25 de xullo que imos chamar, por que non? DÍA DA PATRIA GALEGA.

Nestes momentos en que se fala de darlle unha volta á estrutura do Estado sería interesante lembrar que participación tivemos os galegos nesta preñez que ninguén sabe que vai alumear.

Pero fagamos algo de pedagoxía política e situémonos na alba de gloria desta que chaman democracia consolidada (eu, particularmente, teño as miñas reticencias). Podemos comezar porque, de entrada, os Pais da Patria (que denominación máis engolada) non aceptaban que a Galicia se lle recoñecera o mesmo estatus dentro da Constitución que ao País Vasco, Cataluña ou Navarra. Estas entidades parece que viñan de lonxe e nós eramos uns atrevidos que non tiñamos historia. Manda carallo na Habana!!! que diría o paisano.

“Podemos comezar porque, de entrada, os Pais da Patria (que denominación máis engolada) non aceptaban que a Galicia se lle recoñecera o mesmo estatus dentro da Constitución que ao País Vasco, Cataluña ou Navarra”

O descoñecemento da historia de Gallaecia dentro do mundo romano e posteriormente no mundo visigodo e demais é de traca. Hoxe podemos ler libros a moreas que nos falan de quen somos, de onde vimos e (parodiando o dito) para que estamos neste mundo. Pero iso a quen lle importaba neses momentos en que se cocía esta CONSTITUCIÓN (póñoo con maiúscula para darlle maior énfase, tal como lles gusta facer aos nosos políticos ) que parece inamovible. Os que preocupaban eran os vascos, que tamén negociaban con Navarra, e os cataláns. Nós eramos prato de segunda mesa. Tivemos que provocar aquela mobilización contra o que se chamou “aldraxe” para poder entrar no equipo de cabeza.

Sen pararnos en máis detalles, porque senón isto faríase interminable, comezamos situarnos nos primeiros anos da democracia falando de Unidade Galega. Aquela coalición composta polo Partido Galeguista, o POGA (Partido Obreiro Galego) de Camilo Nogueira e o PSG (Partido Socialista Galego). En canto ao PSG compre lembrar as negociacións entre Felipe González e Manuel Beiras Torrado para que este encabezara unha opción política socialista semellante ao PSC catalán. Ao parecer, a condición que Beiras puxo era que ese partido debería ter a independencia do PSOE tal como tiña o PSC. Obviamente, Felipe González non aceptou. Xa lle chegaba ben pelexar cos cataláns.

Os resultados de Unidade Galega foron impresionantes pero a inxenuidade dos representantes do PG e a avaricia dos dirixentes dos outros dous partidos deron ao traste co futuro daquela coalición. Non esquezamos de onde saíu o primeiro alcalde socialista de Vigo, Manolo Soto, nin o alcalde socialista da Coruña Domingos Merino, imposto por Camilo Nogueira, cando lle correspondía a Xosé Fortes Bouzán a alcaldía de Pontevedra. Naquela disputa comezou a fracturarse Unidade Galega.

A partires de aquí, o nacionalismo galeguista, chamémoslle socialdemócrata, foi dando tombos elección tras elección ata chegar a estes momentos en que xa non sabemos quen e quen no eido nacionalista galego. Claro que aquí aparecerán os gurús de sempre que afirmarán “temos unha formación nacionalista e xa non fan falta máis”.

“O nacionalismo galeguista, chamémoslle socialdemócrata, foi dando tombos elección tras elección ata chegar a estes momentos en que xa non sabemos quen e quen no eido nacionalista galego”

Craso erro, ao meu entender. Nas últimas eleccións tanto autonómicas como municipais vimos comprobando como saen opcións nacionalistas “a tutiplen” que na medida en que van nacendo van desaparecendo, e o PP desfrutando do capital fraguista que era “galego coma ti”.

Obviamente, Fraga non era nacionalista nin sequera demócrata pero soubo ler nos libros da recente historia de Galicia paro recoller un sentimento galeguista, tamén nacionalista, que os demais deixaron orfo ofrecéndolle algo que non podían aceptar, mellor non eran quen de entender.

“Hoxe seguimos igual. Tres opcións políticas no campo de xogo: BNG que non cambia a folla de ruta pretendendo arrapiñar a todo o nacionalismo; cousa que nunca vai conseguir, obviamente; o PSdeG que non se atreve a independizarse de Madrid; e logo o PP que recolle todo o restante electorado galego”

Hoxe seguimos igual. Tres opcións políticas no campo de xogo: BNG que non cambia a folla de ruta pretendendo arrapiñar a todo o nacionalismo; cousa que nunca vai conseguir, obviamente; o PSdeG que non se atreve a independizarse de Madrid; e logo o PP que recolle todo o restante electorado galego.

Día da Patria Galega, Día Nacional de Galicia, chamémoslle como queiramos pero os marcos non se moven. Así seguiremos laiándonos de que cataláns e vascos nos levan cabezas de vantaxe, e seguirán. Alí saben que o nacionalismo dos pobos non se pode envasar nun único frasco. Hai matices, variantes as que se non se lle da saída xa sabemos onde rematan.

“Día da Patria Galega, Día Nacional de Galicia, chamémoslle como queiramos pero os marcos non se moven”

Claro que isto é unha elemental maneira de tratar un tema tan profundo pero non é esta o lugar par meternos en máis profundidades.

Seguiremos “mareándonos” de maneiras diferentes pero iguais na súa esencia.

Erguerémonos cada mañá con resaca pero seguiremos igual.

FELIZ DÍA DA PATRIA GALEGA!!!

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»