Ponteareas | Como cada 21 de marzo, o Concello conmemora o Día Mundial da Poesía en Ponteareas cunha morea de actividades abertas a toda a veciñanza nas que galardóns, poemas, ilustración, música e o propio público serán os grandes protagonistas.
A programación arrancará este mesmo domingo 20 de marzo ás 19.00 horas coa entrega de premios do IV Concurso de Poemas Ilustrados de Rosalía de Castro, un certame no que participaron nenos e nenas do CEIP Santiago de Oliveira, do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Guláns, do CEIP Fermín Bouza Brey, do CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios e do CPR Plurilingüe La Inmaculada.
Máis de 60 traballos presentados que terá que valorar o xurado para agasallar as mellores propostas. A gala contará coa actuación das Punkiereteiras, un grupo de mozas ponteareás que comezaron como un obradoiro de pandeireta e canto tradicional no CSA O Fresco e que acabou por converterse nun arma de loita e reivindicación coa que expresan as inxustizas con toques de humor.
O propio Día da Poesía, o luns 21, o Concello organizará unha sesión de micro aberto na entrada principal do Auditorio Municipal a partir das 11.30 horas, na que participará alumnado dos centros escolares pero que tamén está aberto a todos os públicos.
“Convidamos a todas e todos os ponteareáns a que se acheguen e collan o micro para dedicarlle un intre a ler poesía, nesta ocasión relacionada coa ciencia”, anima o concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba.
Para máis información sobre a sesión de micro aberto as persoas interesadas poderán poñerse en contacto con Cultura a través do correo electrónico departamentocultura@ponteareas.gal ou do teléfono 618 705 635.