Lugo | O Concello de Lugo celebra este xoves, na Praza Maior, o Día de Europa, unha efeméride que cada 9 de maio conmemora o aniversario da histórica Declaración de Schuman, asinada en 1950. Farao cunha variada programación de actividades para todos os públicos organizadas polo centro de información europea da entidade local, Europe Direct Lugo, como obradoiros infantís, sorteos de agasallos ou un desfile de moda sostible, en horario de 17:00 a 20:00 horas.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, convidou á cidadanía a participar nas mesmas e festexar o Día de Europa, “este día bríndanos a oportunidade perfecta para reflexionar sobre os valores fundamentais que compartimos como europeos e para celebrar a nosa diversidade única.
Tamén nos convida a reflexionar sobre o futuro que desexamos construír xuntos. Así, ao celebrar o Día de Europa, reafirmamos o noso compromiso coa democracia, a liberdade e os dereitos humanos, e renovamos o noso compromiso de traballar en harmonía cara a un futuro próspero e sostible para todos”.
“Neste senso, nos últimos anos, dende o executivo municipal, xestionamos máis de 45 millóns de euros de fondos europeos precisamente para avanzar na sostibilidade da cidade, na súa modernización e, en definitiva, para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo”, apuntou a rexedora.
Paula Alvarellos lerá un manifesto, en nome do Concello de Lugo, logo do cal se escoitará o himno europeo (Novena Sinfonía de Beethoven) e tamén se procederá ao izado da bandeira, como símbolo de achegamento e irmandamento de todos os pobos da Unión Europea. O acto institucional terá lugar diante da Casa Consistorial.
Ao longo da tarde, celebraranse un amplo abano de actividades nas que se incluirán sesións de música en directo, obradoiros para os nenos e nenas, así como mesas informativas, instaladas na propia praza, e un sorteo de agasallos. Tamén terá lugar un desfile de moda circular no que participarán deseñadoras locais como Karol Farias; Inpe; René Velasco; Tina Cortón; Miluna; Montse Arias; ou Sara Lage.
Esta xornada desenvólvese a través da oficina municipal de Europa Direct. Lugo é o único concello de Galicia que acadou ser sede deste centro, onde se informa e involucra á cidadanía nos asuntos europeos.
Programa do Día de Europa
17:00. Inauguración da xornada. Sesión musical (DJ Hugo Leivas). Obradoiro infantil de tatuaxes temporais. Mesa informativa Día de Europa. Sorteo de agasallos.
18:00. Acto institucional. Lectura de manifestó. Izado de bandeira da UE.
18:15. Entrega de premios do concurso de fotografía ‘Cidadanía Europea en Galicia’
18:20. Continuación da xornada. Sesión musical (DJ Hugo Leivas). Obradoiro infantil de tatuaxes temporais. Mesa informativa Día de Europa. Sorteo de agasallos.
19:15. Desfile de moda circular.
20:00. Finalización da xornada.