A celebración do 25 de xullo non é o mesmo segundo para quen. A maioría dos galegos e galegas celebran o día de Santiago Apóstolo, aquel que din apareceu soterrado e foi homenaxeado como o guía espiritual que chegara a Galicia nunha barca. Uns din que de pedra, outros non saben ben de que estaba feita. Iso non é o importante. O que conta é que chegou e hoxe está durmindo o sono da eternidade na catedral de Santiago de Compostela. Alí acoden milleiros de peregrinos cada ano para darlle un abrazo de amigo (el non pon pegas) e pedirlle que atenda as súas súplicas.
Outros galegos e galegas temos declarado esta data como o Día da Patria Galega, con Santiago ou sen el, iso non importa, porque non se trata de homenaxear a ningún santo ou santa senón de sinalar un DÍA DE GALICIA no que todos nos sintamos irmáns, polo menos nesa festa.
Pero aquí tamén temos diverxencias; existen distintos puntos de vista segundo se mire. Hai galegos que celebran este Día de Galicia pero xa non se senten tan cómodos cando lle preguntamos se tamén cren que este día pode ser o DÍA da PATRIA GALEGA porque para eles o termo “patria” xa lles proe un chisco. Si pero non, que diría o indeciso, o dubidoso o que non ten claro se Galicia como País debe ter un DÍA DO PAÍS, UN DÍA DA PATRIA.
Xa levamos moito tempo con esta teima. Os que chamamos devanceiros, porque xa crían malvas tempos ha, falaban, escribían de Galicia como célula de universalidade, como un todo indivisible e independente. Eles e elas crían nunha Galicia dona de si e dos seus proxectos como País ceibe e soberano. Deixáronnos unha morea de textos escritos enfocados a este principio vital: Galicia debe ser unha nación independente das demais que conformaban, daquela, a chamada Península Ibérica.
Hoxe están recibindo homenaxes de seguido. Dedicámoslle un Día das Letras Galegas, mostramos a súa obra, as veces unha total descoñecida, e sentímonos xunguidos e facendo piña con aqueles homes e mulleres.
Pero iso xa non da mais de si. Levamos así moreas de anos e apenas se nota, máis ben nalgunhas situacións vai enfraquecendo. Acostumámonos a esa Festa das Letras e rematamos como se fora unha festa máis das miles que se celebran por toda a nosa xeografía. Nos colexios fanse un montón de actividades sobre ese Día das Letras. A rapazada escribe e recita cousas en galego; fanse revistas, poemas e obras de teatro. Todo moi “güai” como din agora eles. Pero cando saen da escola e soben ao autobús ou se atopan cos seus pais e nais o galego xa non forma parte da súa vida, da súa conversa cos seus seres queridos ou amigos de sempre.
Co Día da Patria pasa algo parecido. Ese día en Santiago encóntranse milleiros de galegos e galegas con bandeiras e gorros con lendas sobre Galicia, sobre a Patria Galega. Pasean polas rúas cara a Praza da Quintana onde os políticos soben a unha tribuna e ofrecen os seus discursos fervorosos animando a todos a perseguir esa estrela polar que nos transporte no empeño de conseguir que Galicia sexa unha Nación Soberana, tal como soñaron os nosos devanceiros.
“Pasa o día e pasa a romaría. Chega o momento de tomar decisións políticas, de elixir aos representantes desa pretendida Nación Galega e os intereses de cada quen xa non coinciden igualmente”
Pero, pasa o día e pasa a romaría. Chega o momento de tomar decisións políticas, de elixir aos representantes desa pretendida Nación Galega e os intereses de cada quen xa non coinciden igualmente. Uns porque se consideran os donos das esencias patrias e líbreos deus de contaminarse con advenedizos. Outros porque se senten galegos pero dentro dunha orde, sen pasarse. E os máis porque nin sequera iso. Gústalles a festa, disfrútana e todo o que se queira pero, como din os vellos, a vaquiña polo que vale. E aquí a vaquiña é o cocido asegurado, non importa en que idioma, as vacacións pagadas. O resto deberá chegar sen esforzos.
Vostedes páseno ben se poden que só temos unha vida e debemos gozala o mellor posible.
Bo Día de Galicia – Bo Día da Patria Galega.