O Porriño | O vindeiro domingo conmemórase o nacemento de Rosalía de Castro e no Porriño, un ano máis, organízase un programa de actos para festexar o 188 aniversario desta escritora que amou sen complexos a súa terra.
As concellerías de Cultura e de Normalización Lingüística, que dirixen Bienvenido Estévez e Carolina González, respectivamente, e a Xunta de Galicia colaboran por terceiro ano consecutivo coas actividades que organizan con tal motivo os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro e os colexios Santo Tomás e Hermanos Quiroga.
Inspirado nun dos poemas da propia Rosalía, “Miña casiña meu lar”, o programa homenaxe leva por nome “Caldo de Gloria” e celebrarase o vindeiro venres 21 de febreiro, a partir das 11.00 horas, na Praza do Cristo.
Trala presentación da actividade procederase á lectura de manifestos por parte do alumnado e posterior recitais poéticos dos centros. Cara ao mediodía Laura canta “Caldo de Gloria”, o mesmo que se poderá degustar deseguido, elaborado polos hostaleiros do Porriño, un símbolo do “Caldo de Gloria” rosaliano que lembra que “con case nada, somos quen de sobrevivir e ademais ser felices, que é o máis importante”, apuntan dende a organización que remarcan a finalidade desta actividade como homenaxe ao labor feito nas Letras Galegas por Rosalía de Castro e co obxectivo tamén de dinamizar e prestixiar o uso da lingua galega, non só a través da poesía senón tamén mediante a música.
Neste senso, o acto estará amenizado polo cantante, bailador e presentador televisión Xisco Feijoó, que lle achegará ao escolares a música tradicional galega a través do canto e dos instrumentos.