Ponteareas | A Biblioteca Municipal de Ponteareas súmase á conmemoración do Día Internacional do Libro cunha actividade deseñada especialmente para achegar ao público infantil á literatura e ao pracer por ler. Será cun obradoiro dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos que se celebrará o vindeiro sábado 22 de abril de 11.00 a 12.30 horas.
Trátase dunha nova actividade enmarcada na programación da Biblioteca Municipal coa que se busca “promover entre o público máis novo non só o amor pola lectura, senón tamén o desenvolvemento da creatividade, facendo que cativos e cativas vexan a biblioteca como un espazo de lecer, aberto e participativo”, como salienta o concelleiro de Cultural, Fernando Groba.
As persoas interesadas en participar poderá solicitar máis información e reservar praza nas propias instalacións da Biblioteca Municipal, a través do correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou chamando ao teléfono 986 660 765.
Con esta iniciativa a Biblioteca Municipal súmase a todas actividades que o Concello de Ponteareas está a realizar para conmemorar o Día Internacional do Libro, como o ciclo literario ‘Abril, mes do libro’, a través do que seis autores e autoras da comarca ou de Galicia, moitos deles e delas vinculados á vila, están a presentar as súas últimas obras.
O ciclo arrancou xa en Semana Santa coa presentación dos libros de Manuel López Rodríguez e Ana Fernández Melón e continuou a semana pasada coa de Fran Fernández Davila e Mar Míguez.
Tras o parón pola coincidencia coa VII Semana das Ciencias de Ponteareas, as presentacións volverán a vindeira semana con dous grandes obras: o 26 de abril Óscar Pazos Rodríguez achegará ao público o seu libro ‘A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galiza’ e o día 27 Pablo Prado e David Braña presentarán ‘A batalla de Rande’.