Tomiño | O Concello de Tomiño conmemora o Día do Libro coa convocatoria dun concurso de reseñas bibliográficas. Organizado pola Concellería de Cultura, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), as persoas que se anoten terán a posibilidade de escoller entre dous libros: “Los besos en el pan”, de Almudena Grandes, e “Sen Piedade”, de Pedro Feijoo.
Para participar no concurso é necesario ler unha das obras e logo escribir unha reseña de entre 500 e 700 palabras.
Por último, facerse unha foto co texto elixido e logo, loxicamente, enviar a reseña e a foto á OMIX por medio de correo electrónico antes do 10 de maio (omix@tomino.gal)
A persoa gañadora recibirá un vale por 50 euros para gastar na libraría “Novidades” de Tomiño, ademais de ver publicada a súa reseña nas redes sociais municipais.
Ademais, a Concellería de Cultura de Tomiño ofrece un 10% de desconto en todos os textos literarios, en colaboración coa libraría Novidades, que engade outro 10% de rebaixa adicional, para quen compre un libro o día 23 de abril.
Club de Lectura XUVENIL
A OMIX ofrece, a través do programa de voluntariado local, un CLUB DE LECTURA DE BALDE que terá lugar o primeiro venres de cada mes en horario de 16.30h a 17.30h
A actividade, especialmente dirixida a público infantil, consistirá na lectura de diferentes temáticas e no fomento do uso da lingua galega, da lectura e do pensamento crítico.
Levarase a cabo no local da OMIX de Tomiño dende o mes de maio (ou xuño) até final de ano. Será todos os primeiros venres de mes en horario de 16.30h a 17.30h. e as prazas serán limitadas.