Salvaterra de Miño | O 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ e co obxectivo de concienciar sobre a diversidade, igualdade, tolerancia e o respecto cara este colectivo un ano máis o Concello de Salvaterra de Miño únese a estas reivindicacións con diferentes accións.
Como en anos anteriores, a bandeira LGTBIQ+ está colgada no balcón do Concello para dar visibilidade e animar a loitar por unha sociedade máis xusta e para recalcar o dereito a amar libremente.
Por outra banda, dentro desas acción que se levarán a cabo para conmemorar esta data haberá dúas actividades na Biblioteca Municipal. En primeiro lugar durante toda a xornada do 28 de xuño aquelas persoas que se acheguen á Biblioteca poderán deixar a súa mensaxe ou debuxo nun paraugas coas cores representativas.
Ademais contaremos cun contacontos “Orellas de Bolboreta” onde tódolos nenos e nenas escoitarán un relato sobre a diversidade e a continuación elaborarán a súa bolboreta que despois farán voar no exterior. O contacontos terá lugar ás 10:00 e ás 18:00 horas e para participar deberán inscribirse no correo biblioteca@concellodesalvaterra.org.