Día Internacional do Patrimonio Inmaterial adicado en Ourense a Florencio de Arboiro

Colabora a Deputación, Universidade de Vigo e a Asociación Ponte... nas Ondas!

Ourense | A Deputación de Ourense, a través do CCP Xaquín Lorenzo-Escola de Danza, e en colaboración coa Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo e a Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte… nas Ondas!, celebran o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial no Edificio de Ferro do Campus de Ourense.

Para esta primeira edición, os organizadores decidiron personalizar na figura do recentemente falecido Florencio Martínez Vázquez (Florencio de Arboiro) a visualización do Patrimonio Cultural Inmaterial tendo en conta o seu labor na recuperación, conservación e transmisión da memoria de oficios tradicionais, principalmente o de afiador e a roda de afiar, símbolo da provincia de Ourense. Florencio non só recuperou e restaurou “tarazanas” (rodas de afiar), senón que inquiriu nas historias humanas que ían empuxando nelas, os camiños que fixeron, os esforzos que realizaron e os réditos que sacaron. A memoria dun pobo que é tamén un símbolo para a provincia de Ourense.

A xornada comezou pola mañá coa apertura da exposición “As Imaxes do Patrimonio”, na que se amosan os traballos premiados nos concursos organizados por “Ponte… nas Ondas” en centros educativos de Galicia e Portugal. Xa pola tarde, pandereteiras da Escola de Danza da Deputación de Ourense abriron os actos nos que interviñeron o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo; Fátima Braña, profesora de Antropoloxía; Xosé Manuel Cid, profesor de Historia da Educación e Pedagoxía Social, pechándose a xornada co pase da película-documental “A última viaxe do afiador” e posterior coloquio coa presenza do seu director, Aitor Rei.

Compromiso constante da Deputación
César Fernández lembrou que “a Deputación de Ourense, a través dos seus diferentes departamentos, traballa de forma activa na recuperación, conservación e difusión do Patrimonio Cultural Galego, tanto tanxible como intanxible, liña de difícil definición e que salta dun lado a outro en función da visión que se lle dea”.

Mención especial tivo para “a nosa lingua, o galego, elemento fundamental do noso patrimonio, que nos identifica e nos agrupa como pobo, é o principal medio de comunicación e a lingua que predomina nas publicacións que esta institución edita, como por exemplo a Revista Raigame”.

No que atinxe aos Departamentos da Deputación implicados na protección do patrimonio inmaterial, citou ao CCP Xaquín Lorenzo-Escola de Danza, que conta con actividades de clases de baile tradicional, canto e pandeireta, música.

Tamén está implicado o CCP Xaquín Lorenzo na organización de festivais como as Xornadas de Folclore; na recuperación, análise, conservación e difusión de folclore (música, canto, baile), tradicións e costumes; en publicacións relacionadas coa cultura tradicional: Revista Raigame, Propostas pedagóxicas, Memoria fotográfica, Actas de congresos de Patrimonio… E, por último, na Romaría Raigame: “festa no día das letras galegas, para exaltar a cultura tradicional e o noso patrimonio cultural”, destacou César Fernández.

Nas fotos Florencio de Arboiro nunha das exposicións no parador de Turismo de Santo Estevo de Ribas de Sil.