Tui | Un ano máis o concello de Tui celebra o Día Internacional do Turismo, que se conmemora o mércores 27 de setembro, e farao nesta ocasión pondo en marcha unha completa programación que durará ata a fin de semana e que combinará actividades para a cidadanía con actividades para os profesionais do sector turístico que opera na cidade, poñendo o aceno nos investimentos verdes tal e como marca a temática desta efeméride internacional.
A programación do Día Internacional do Turismo 2023 está enfocada, da man dos actores locais, a dar visibilidade aos recursos turísticos verdes menos coñecidos ou asociados á marca do destino e que representan unha oportunidade de desenvolvemento.
As accións previstas comezan o 27 de setembro con un balance dos investimentos verdes previstos para o período 2023-2025 no patrimonio natural e cultural no concello tudense destinados a crear equipamentos e infraestruturas resilientes, adaptadas ás novas demandas da veciñanza a atractivas ao turismo e as persoas visitantes.
O 28 de setembro ás 18.00 h na Sala Félix Rodríguez, no Edificio Francisco Sánchez realizarase unha xornada aberta ao público baixo o título “Oportunidades de Turismo Verde en Tui” destinada a visibilizar exemplos de xestión turística sostible que poden ser exportables. Na mesma terá lugar unha mesa redonda que contará coa participación de:
María Abuín de Máis que Románico (empresa de turismo cultural que deseña e comercializa rutas que interpretan patrimonio e territorio cun modelo de xestión responsable)
Diego Chapela da Fundación Juan XXIII (Xestión por parte dun colectivo de iniciativa social do espazo comunal do Lago de Castiñeiras para uso turístico)
Leticia Castro Gondar, responsable da marca AWA e Presidenta de Grove Makers (asociación de artesáns e creativos do Grove con pequeno comercio de autor)
Alberto Romero Rodríguez e Ricardo da Silva Diz da Asociación de Muiñeiros do Río Tripes (entidade local de promoción do patrimonio cultural etnográfico, arquitectónico e paisaxístico)
A xornada rematará co relatorio “ Reflexións e retos do Turismo Verde en Tui” a cargo de Ana M.ª Núñez Alvarez, 1ª tenente de Alcalde de Tui e concelleira de Turismo.
O día 29 de setembro terá lugar a primeira das experiencias turísticas cun paseo musical navegando polo Miño coa artista Lara Villaverde e da man da empresa “Río Miño en Barco”. Contará con tres pases ás 17h, ás 18.00 h e ás 19.00 h e as entradas deben adquirirse na web da propia empresa riominoenbarco.com. As prazas son limitadas e o prezo desta actividade é de 10 euros.
O día 30 de setembro terá lugar unha xornada de portas abertas no histórico Viveiro de Areas onde a cidadanía poderá descubrir o encanto deste lugar con especies arbóreas senlleiras e edificacións centenarias nas que se desenvolveu unha actividade de investigación forestal de referencia en Galicia. Haberá dous pases, o primeiro ás 11.00 h e o segundo ás 17.00 h da man dos integrantes da Comunidade de Montes en Man Común de Areas. O punto de encontro será no propio viveiro e é preciso inscribirse en turismo@tui.gal para poder asistir xa que as prazas son limitadas.
O día 1 de outubro ás 10.00 h terá lugar unha experiencia que combina patrimonio natural e cultural mediante un percorrido pola Ribeira do Miño desde a rúa Olímpicos Tudenses ata a histórica parroquia de Caldelas de Tui onde se visitará o Balneario de Caldelas, a Capela do Carme e se realizará unha degustación dun viño de autor.
Este percorrido ten a finalidade de achegar á veciñanza e visitantes o patrimonio etnográfico de ribeira así como os atractivos históricos e culturais da vila termal de Caldelas. O regreso ao punto de orixe será en tren turístico e para participar neste interesante roteiro de entre 6 e 7 km haberá que inscribirse en turismo@tui.gal. As prazas son limitadas.