O Carballiño | O Día mundial da Poesía celebrouse na Insua dos Poetas (Madarnás. O Carballiño). Manuel Baltar, presidente da Deputación, iniciou o acto parafraseando a Ramón Piñeiro: “Como dicía no seu ensaio ‘Olladas no futuro’, a poesía na lingua propia foi e será sempre a mellor maneira de adentrarse e de comprender a fonda significación de Galicia, o seu se espiritual”.
Na liña de pensamento de Piñeiro, o acto xunta “os tres elementos esenciais da identidade galega”: “Unha natureza ben definida, un país, un pobo, as nosas xentes -en especial os máis novos, o verdadeiro futuro- e unha nación cultural con idioma propio, a lingua que nos distingue e caracteriza, a fala na que cantaron e seguen a cantar os nosos poetas”.
Baltar repasou as raíces do galeguismo, representado na tradición literaria galega con fitos coma a Xeración Nós, un pilar do goberno provincial de Ourense manifestado con actos coma o “Manifesto do Irixo”, o compromiso asinado o pasado ano lembrando os pasos de Ramón Otero Pedrayo, López Cuevillas ou Vicente Risco.
“Hoxe lembramos, polo moito que significan, os acentos de milleiros e milleiras de ourensáns e ourensás, que alentaron á fala propia nos seus fogares e nos seus traballos, nas súas vidas, dentro e fóra de Galicia, alí a onde levasen os sábregos ventos da inmigración”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense, que destaca que “a lingua propia, como establece o Estatuto de Autonomía, constitúe a chave da identidade de Galicia, por iso dende a peculiaridade ourensá, a ourensanía, un sentimento que transcende límites administrativos e non entende de fronteiras, algo que nace connosco e que permanece, comprometémonos a apoiar cantas medidas sexan necesarias para lograr un maior pulo normalizador que incida no emprego da lingua galega a todos os niveis”.
O político reivindicou o futuro da poesía: “É a expresión da liberdade, pero tamén pode ser lirismo puro, sátira, humor, crítica e denuncia social, exaltación da natureza, canción de amor ou desamor e outras moitas formas de sentimento. A poesía procura a verdade, e dende a música da palabra, segue a ser útil e válida no tempo presente por moi convulso que nos pareza. A poesía perdurará, por iso seguiremos celebrándoa cada 21 de marzo”. Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, destacou a importancia de reivindicar a cultura:
“Hoxe é máis necesario que nunca”. Valorou a importancia da poesía nestes momentos convulsos: “Esta non é situación fácil, pero actos así non son superfluos. Se sempre é importante celebrar estas actividades e poñer en valor a cultura, hoxe é máis necesario ca nunca”. O conselleiro celebrou os fortes vencellos de Galicia coa poesía: “Nós somos Galicia por moitas cousas, fundamentalmente grazas ao noso idioma e tamén pola poesía. Somos un país de poetas”.
Pola súa banda, Luís González Tosar, destacou a retirada simbólica da máscara nas actividades escolares ao aire libre parafraseou a Luis Pimentel: “A poesía non hai que definila, é o gran milagre do mundo”.
O presidente da Fundación Insua dos Poetas e do Pen Galicia celebrou a presencia dos escolares -“a Insua dos Poetas é patrimonio voso”- e, ante “a barbarie da guerra”, lembrou aos rapaces a importancia da cultura: “Vos tedes a palabra, o artefacto máis potente do mundo”.
Durante o acto, cooganizado pola Deputación de Ourense, Fundación Insua dos Poetas, Centro Pen Galicia, Xunta de Galicia e o Concello do Carballiño, un grupo de escolares recitou poemas de Florencio Delgado Gurriarán, figura homenaxeada do Día das Letras Galegas 2022.
A poeta Mirian Sandoval presentou “Cantares Transhumantes”, un espectáculo de poesía, música e danza nun Día Internacional da Poesía que rematou na Insua dos Poetas coa plantación dun ombú, árbore simbólica da Pampa, en homenaxe ás Letras Arxentinas, reivindicando o peso específico desta cultura na tradición iberoamericana. Asistiron tamén ao acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega e o cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, Horacio Martín Doval. Participou alumnado dos centros IES No1 do Carballiño, IES Chamoso Lamas do Carballiño, Colexio Vila do Arenteiro, Colexio Sagrado Corazón, CEIP Calvo Sotelo, CEIP Uceira, CEIP Maside, CEIP Boborás, CEIP O Irixo e alumnado do IES O Castro, de Vigo.