Cadernos da viaxe.
O Xefe do Estado, na súa mensaxe do pasado 3-O, renunciou representar ao conxunto da cidadanía e demitiu do seu papel constitucional de árbitro e moderador das institucións para se converter no valedor do modelo social e territorial da dereita española. A Coroa rachou a neutralidade que lle impón a Constitución, declarouse parcial e excluiu implicitamente do seu concepto de España a aqueles que non asumen a idea unitarista (uninacional, unilingüe e radial canto ás súas comunicacións terrestres ) que proxectou. Non por acaso un político tan ecuánime como o lehendakari Urkullu amosouse “abraiado” e declarou que as verbas de El-Rei xerábanlle a máxima “decepción e preocupación”.
Na súa mensaxe o Xefe do Estado pechou calquera vía de negociación ou diálogo, desautorizando a xa comprometida posición do PSOE e PSC . Calou sobre as agresións sofridas por milleiros de cidadáns cataláns o 1-O por parte do Goberno do Estado (que lle causaron feridas a case 900 persoas ) e alimentou unha reacción españolista con nidios acenos de intolerancia e mesmo violencia que encheu este domingo as rúas de Barcelona. Formas ríspidas, uso íntegro do castelán (malia dominar o catalán) e o retrato do seu devanceiro Carlos III ( quen prohibiu o ensino en catalán, galego e euskera) enchían a escea.
Felipe de Borbón esqueceu que no século XXI os pobos conviven polo mutuo acordo e non por imposición e conquista. Esqueceu que os reis nas Monarquías parlamentarias son neutrais e non asumen o relato dunha parte como propio do conxunto da sociedade. Xa que logo, vencellou indisolúbelmente a sorte da Monarquía á do modelo antigo e caduco desa España unitarista e uninacional que non ten máis solucións para a convivencia e a integración dos distintos pobos do Estado ca a imposición autoritaria do “lo tomas o lo tomas”.
A ARRINCADEIRA. O unionismo ateiga Barcelona.
Efecto da chamada do Xefe do Estado foi a masiva demostración do domingo en Barcelona, que xuntou 350.000 persoas segundo a Garda Urbana. Moitos dos manifestantes viñan de fóra de Catalunya, traídos polo PP e organizacións afíns e algúns deles amosaron actitudes agresivas fronte aos Mossos ou xornalistas. Actitudes que até de agora non se viron nas moitas demostracións independentistas.