Tui | Co obxectivo de dar resposta ao cada vez maior interese do visitante de Portugal pola ruta xudía de Tui, a Guía Turística da cidade, editada pola Red de Juderías de España, está xa dispoñibles en portugués.
A colección de guías turísticas ‘Rutas polas Xudarías de España’ recolle a historia, as tradicións, a gastronomía e a cultura orientada para que o viaxeiro poida descubrir todos os atractivos das 21 cidades que forman parte desta rede. Todas estas publicacións foron realizadas pola autora sefardí Alejandra Abulafia.
Estes materiais son gratuitos e a nova versión da cidade de Tui en portugués xa está dispoñible para consulta e descarga en formato PDF na páxina web da Red de Juderías. Próximamente tamén estará dispoñible no novo portal turístico ‘Caminos de Sefarad’, un proxecto dixital e interactivo no que o visitante poderá coñecer a historia de cada cidade da Red de Juderías con mapas elaborados, ilustracións orixinais, enlaces a materiais audiovisuais, itinerarios, testemuñas e curiosidades.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, esta edición en lingua portuguesa ten unha especial importancia para a cidade xa que a posición transfronteiriza converte aos visitantes procedentes de Portugal nun dos principais sectores de público obxectivo aos que achegar a oferta turística de Tui.
Cabaleiro apunta que esta versión da guía “abre novas posibilidades de promoción para Tui e o seu amplo patrimonio cultural, especialmente no que atinxe á herdanza xudía conservada na nosa cidade, unha das referencias deste legado en Galicia e España”.
Rodrigo Buján premiado no IV Concurso de Microrrelatos da Red de Juderías de España
Rodrigo Buján Fernández, alumno de 2º da ESO do Colexio Maristas Santa María de Tui, é un dos gañadores do IV Concurso de Microrrelatos, convocado pola Red de Juderías de España, no que participou alumnado de 1º e 2º da ESO de toda España.
Proximamente terá lugar o acto de entrega deste premio ao alumno tudense, así como un recoñecemento ao Colexio Maristas Santa María como “Colexio Asociado á Red de Juderias de España”.
O relato de Rodrigo Buján será publicado xunto aos 30 seleccionados a nivel nacional nun libro pola Red de Juderías de España.
O Concello de Tui felicita a este alumno polo bo traballo e o esforzo realizados para obter este recoñecemento, e agradece ao Colexio Maristas Santa María o compromiso con este concurso, que ten como obxectivo dar a coñecer o importante legado xudeu que atesouramos en España, e concretamente en Tui, que aínda segue moi descoñecido.
A Red de Juderías de España convocou a cuarta edición do concurso de microrrelatos “Benjamín de Sefarad”, dirixido a escolares españois, co obxectivo de promover o coñecemento do legado xudeu de España. A temática dos microrrelatos desta edición foi a música. O xurado do certame estivo composto por Jimmy Barnatán, músico, actor e escritor; Coty Aserín, terapeuta, coach e preparadora Xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid e directora do programa de RTVE Shalom; Carmelo Jordá, xornalista e autor de Diarios de Viaxe da Red de Juderías; e Mara Aranda, intérprete, investigadora e directora do Centro Internacional de Música Medieval.