Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, trasladou a Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno, e ós representantes dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado as necesidades do Concello en relación coa seguridade e a orde para as vindeiras festas patronais que se celebrarán do 11 ó 16 de agosto, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.
A coordinación da seguridade tivo lugar no transcurso da reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade, celebrada na sala de xuntas do Concello de Monforte. O alcalde valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”.
Isabel Rodríguez avanzou que haberá presenza permanente para a prevención, o control e a seguridade dos monfortinos, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte. Igualmente, alcalde e subdelegada fixeron un chamamento á colaboración cidadá para que a época estival discorra coa máxima normalidade posible.
Tomé destacou que ““a taxa de criminalidade en Monforte descendeu con respecto a anos anteriores, situándose nos últimos 12 meses no 12,49% (por mil), unha das máis baixas do Estado”. Tamén anunciou o rexedor monfortino que nos vindeiros días, terá lugar a celebración dunha mesa técnica cos distintos representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para perfilar detalles de última hora da colaboración que se estableza respecto do dispositivo a despregar durante as festas.