Dispositivo para garantir a mobilidade durante o inverno nas estradas estatais da provincia de Ourense

Consta de 23 quitaneves, 18 camións convencionais, 5 esparexedores de salmoira e 110.000 litros de salmoira

Ourense | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, presidiu a reunión da Comisión de coordinación provincial para a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas extremas, para á campaña 2024/2025.
Todos os organismos e institucións representados na reunión, indispensables para garantir a mobilidade durante o inverno nas estradas ourensás, destacaron na xuntanza a importancia da colaboración entre as administracións.

Neste senso, as distintas institucións implicadas na materia mostráronse coñecedoras das funcións de cada unha delas ante situacións meteorolóxicas extremas. “A coordinación entre todos é fundamental para evitar incidentes nas estradas”, destacou o subdelegado.

Ademais, Eladio Santos explicou que o dispositivo dispoñible para os máis de 500 km de estradas estatais da provincia conta este inverno con 23 quitaneves, 18 camións quitaneves convencionais, 5 esparexedores de salmoira e 110.000 litros de salmoira.

O xefe provincial de Tráfico, David Llorente, insistiu tamén na importancia da vixilancia das estradas, realizada pola DXT a través de 18 cámaras existentes nas vías da provincia e da información achegada polas sete estacións meteorolóxicas. Todo dispoñible para o cidadán a través da súa web. Ademais, lembrou a existencia do teléfono 011, para coñecer en cada momento o estado do tráfico. Nesta mesma liña, durante a reunión tamén se fixo fincapé na relevancia de manter informada á cidadanía, a través dos concellos, de comunicacións directas ou dos medios de comunicación.

Pola súa banda, os representantes da Deputación provincial e da Cruz Vermella tamén mostraron a súa ampla colaboración, detallando todos os recursos materiais e humanos dispoñibles para esta materia. Por último, en relación cos puntos críticos da zona da Canda e Padornelo, o técnico da Unidade de Protección Civil da Subdelegación de Zamora amosou a dispoñibilidade de medios da súa provincia e apostou pola “coordinación entre institucións e a optimización de recursos”.

Na xuntanza acompañaron a Santos, o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o xefe do servizo de Emerxencias, Olivier Reboredo; o comandante da Garda Civil, Rodrigo García de la Rosa; o capitán xefe do Subsector de Tráfico, Javier Barja; o xefe da Unidade de Estradas do Estado, Álvaro Rodríguez; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente; o secretario xeral da Comisaría de Policía Nacional, Juan Manuel Sardiña; a directora da Área de Infraestruturas da Deputación, Marta Docampo; o técnico da Unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno en Zamora, José Luis Prieto; o representante da AG-53, Daniel Romay; o representante da FEGAMP, Luis Milia; o secretario provincial de Cruz Vermella, Javier Manteiga; o responsáble da Área de Socorro de Cruz Vermella, José Ramón Bayón; e a xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno en Ourense, Mari Carmen Lodos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.