Galicia | Descartada oficialmente a tese do ciberataque e normalizada a situación do subministro enerxético, o inusual e sorprendente apagón eléctrico presenciado en España e Portugal este 28 de abril tivo obvias implicacións para os Concellos do Condado-Paradanta, Louriña, Baixo Miño e Val Miñor, particularmente en materia de seguridade e prestación de servizos municipais.
En Salceda, a Alcaldesa Loli Castiñeira reuniuse con persoal de Protección Civil e Policía Local para avaliar a situación destacando o labor e o compromiso dos equipos de emerxencias que estiveron operativos durante toda a noite do apagón.
En Mos, a Alcaldesa Nidia Arévalo reuniuse coa Policía Local, persoal municipal, voluntariado de Protección Civil e equipo de goberno para garantir a normalidade da situación unha vez o subministro enerxético foi restaurado na madrugada do 29 de abril. O Concello anunciou a xestión na adquisición e reparto de linternas e productos para a poboación máis vulnerable, suspendéndose temporalmente todas as actividades nas instalacións deportivas municipais así como mantemento dunha comunicación permanente cos centros de maiores e residencias e garantindo o Servizo de Axuda no Fogar.
O Apagón coincidiu en Tui coa festividade local de San Telmo, repleta de grandes actividades. O Concello informou da recuperación progresiva da normalidade tras dezaseis horas sen subministro eléctrico. O Alcalde Enrique Cabaleiro informou que están a reprogramar as actividades suspendidas destas Festas, agradecendo o labor da Policía Local, Garda Civil e Protección Civil, especialmente no restablecemento do subministro nas parroquias de Caldelas, Guillarei, Rebordáns e Ribadelouro.
Mondariz tamén anunciou o restablecemento dos servizos municipais en particular o Centro Médico, oficinas bancarias e o Centro de Día e CPI Mondariz funcionando con servizos mínimos.
Nas Neves a situación seguía sendo problemática a primeiras horas da mañá do 29 de abril, sen subministro eléctrico en varias zonas do municipio, bombas de auga sen funcionar, depósitos en fase de baleirarse, e sen actividade nin electricidade no Centro de Día.
En Tomiño destacaron a relativa normalidade durante as longas horas do apagón eléctrico, aínda que dende o Concello informaron de problemas na conexión á rede telefónica e Internet nalgunhas áreas.