Os habitantes dos pobos de Santiago, Rubiás e Meaus tiñan o privilexio de escolleren a nacionalidade portuguesa ou española. No día do casamento, os que querían ser portugueses bebían un copo de viño na honra do rei de Portugal e mandaban gravar na casa de morada un P (Portugal); os que preferían a nacionalidade española mandaban brindar polo monarca de España e gravaban un G (Galicia) na casa para onde ían vivir.
A escenificación do auto solemne era así: Pedro, veciño de calquera dos tres lugares mixtos quere fabricar unha casa nova. Forma a planta, convoca dez, vinte ou máis testemuñas, e logo que se xuntan no sitio sinalado, di o tal edificador: Cabaleiros, aquí neste terreo mixto quero facer unha casa, que erguerei, de aquí para alí (e ponse a camiñar) polo Rei de Castela; desta parte a esta, polo Rei de Portugal, e así vai divindo o sitio en retallos. Feito isto, as testemuñas erguen a voz e din: “Vivan os dous reis moitos anos, e por moitos máis Vm. e que goce,con paz e con saúde”.
A Asociación de Amigos do Couto Mixto encargouse de reivindicar a historia dun territorio con dereito de seu, que aínda pervivía da memoria dos veciños contada por transmisión oral. Algúns autores téñense referido a tan peculiar enclave. O profesor Máximo Salinas Valencia no seu libro “O Couto Mixto. A súa contorna arraiana e os Pobos Promíscuos. Descrición socioeconómica”, editado pola Asociación de Amigos, describe migalleiramente as características e privilexios que tivo aquel pobo ata a súa desaparición . Pero foi decisiva para o coñecemento da historia a monografía escrita por Luís M. García Mañá (varias veces reeditada), “O Couto Mixto, unha república esquecida”. A desaparición da chamada Andorra galega aconteceu por mor da Lei de Lindes. No mes de xuño de 1868, executouse a entrega formal do Couto Mixto a España agás unha pequena franxa de terreo na montaña que quedou baixo a titularidade de Portugal.
Non é a primeira vez que a Asociación de Amigos do Couto Mixto ten recabado dos poderes públicos o recoñecemento da singularidade histórica daquel territorio. O Congreso dos Deputados e mailo Parlamento de Galicia aprobaron en 2007 senllas iniciativas, apelando a tomar medidas que permitan o desenvolvemento social e económico para mellorar as condicións de vida dos seus actuais moradores.
O pasado 23 de xaneiro, o Grupo Parlamentario Socialista, a través do senador Luis García Mañá, solicitou o debate na Comisión de Xustiza da Moción relativa á dobre nacionalidade do Couto Mixto, instando ao Goberno español inicie un diálogo co portugués para que , ao igual que xa aconteceu respecto a Olivenza e Táliga, con antecedentes históricos semellantes ao do Couto Mixto, se adopten acordos que permitan disfrutar dos beneficios da dobre nacionalidade.
É intención da Asociación de Amigos de Amigos do Couto Mixto que a Asemblea da República de Portugal aprobe unha iniciativa parlamentaria semellante instando ao Goberno a concesión da dobre nacionalidade para os veciños de Soutelinho, Lamadarcos e Cambedo, os chamados “pobos promíscuos”, hoxe pertencentes a Portugal, noutrora galegos.
Agardamos que ambas as dúas iniciativas sexan aprobadas, para que eses pobos vexan recoñecidos uns dereitos innatos pola súa condición de cidadáns que estiveron asentados nunha raia que nunca existíu para eles. Os precedentes de Olivenza e Táliga teñen que ser de aplicación no noso caso, para evitar agravios comparativos.
Agora queda que a Xunta de Galicia recoñeza tamén a singularidade do Couto Mixto dando cumprimento ao mandado da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016 que contempla medidas de protección para aquelas terras esquecidas polas políticas gobernamentais cun plan específico de reactivación económica .