Lugo | A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle ata o vindeiro 29 de setembro a mostra “As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia”, organizada pola Consellería de Emprego e Igualdade en homenaxe ás mulleres galegas que abriron camiño nos eidos do xornalismo e da comunicación desde Galicia e a outras partes do mundo.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, inauguraron a mostra, que pode visitarse na sala de exposicións da delegación de luns a venres, entre as dez da mañá e as oito da tarde.
López Abella puxo en valor o esforzo das mulleres protagonistas, pioneiras na busca dunha sociedade máis igualitaria na nosa Comunidade. O seu esforzo foi relevante, incidiu, porque tiveron que ocultarse tras pseudónimos para relatar os acontecementos dunha sociedade na que se tiveron que abrir camiño.
Para a Xunta é fundamental, incidiu López Abella, non perder estas referencias e poder dar a coñecer ás novas xeracións o traballo exemplar destas precursoras do xornalismo exercido por mulleres “de vocación extraordinaria” e “sensibilidade especial”.
No mesmo sentido se pronunciou Javier Arias, quen animou a visitar a exposición a todos os lucenses e de xeito especial, á mocidade. A Xunta pretende outorgarlle así a debida atención a xornalistas, escritoras, poetas e demais mulleres galegas comprometidas coa xustiza e a equidade laboral nunha viaxe a través das vidas de doce mulleres onde se dá conta da biografía e experiencias de reporteiras, escritoras, directoras e correspondentes de guerra.
O público asistente poderá coñecer a traxectoria de profesionais como a xornalista Concepción Arenal; as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a correspondente de guerra Sofía Casanova; María Luz Morales, primeira muller directora dun xornal en España; a articulista e poetisa Avelina Valladares; a crítica literaria e escritora Concha Castroviejo; a escritora María Vinyals; a chamada raíña do folletín, Virginia Felicia; Mercedes Vieito, mestra e xornalista cubana nada de pais emigrantes galegos ou Emilia Pardo Bazán, xornalista e escritora, cuxos artigos súmanse á selección do resto de autoras.