Vigo | No ano 2002, con motivo da celebración da 8ª edición de Ponte…nas ondas! Francisco Fernández del Riego foi convidado a participar na xornada de comunicación interescolar. Don Paco coñeceu de primeira man o que se estaba a facer desde Ponte…nas ondas! , coa súa sabedoría diagnosticou este labor como “sen precedentes” e albiscou un futuro prometedor para a experiencia.
A profesora Dorinda Castro, lembra a conversa mantida con Fernández del Riego en Vigo: “Cando souben que o Día das Letras Galegas 2023 estaría dedicado a D. Francisco Fernández del Riego, recordei un encontro que tivemos con el no ano 2002 sendo eu profesora no IES Pino Manso do Porriño, para presentarlle Ponte…nas ondas! unha experiencia educativa na que viña participando desde había anos.
Comezaba a primavera e estábase a organizar a VIII edición, unha edición novidosa e importante porque marcou a liña de traballo posterior e un camiño de éxito que se viu recentemente recompensado co recoñecemento da UNESCO. Iniciábase a aventura de traballar conxuntamente cos colegas portugueses o tema do Patrimonio Inmaterial, escolla que contribuíu a descubrir e divulgar de maneira significativa o inmenso acervo cultural que nos define como pobo.
A súa divulgación contribuiu tamén significativamente a posta en marcha da Mostra da Oralidade galego-portuguesa e a que se promovera a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, a primeira impulsada desde centros educativos de dous países. A nivel técnico, tamén a VIII edición sería importante pois as novas tecnoloxías, con internet á cabeza, empezaban a tecer as súas redes para facer chegar os programas e contidos de Ponte…nas ondas! por todos os países do mundo.
Así as cousas, e no contexto de solicitar colaboración a persoas da cultura galega e portuguesa, un día solicitamos entrevista con D. Paco del Riego, quen non dubidou en recibirnos. Daquela tarde, recordo unha conversa afable, amena e entrañable. Non dubidou nin un momento en prestarnos a súa axuda, saber e apoio. Como conclusión, agasallounos cun texto no que resumiu o esencial da experiencia e entusiasmouse co proxecto no que viu un ilusionante traballo xermolo de futuro.
Así, a nosa consideración pola inmensa figura de D. Paco medrou en nós dado que un home sabio creu no esforzo de profesorado, rapazada e sociedade en xeral para tender unha ponte de comunicación entre aquén e alén Miño e para pór en valor o noso Patrimonio Inmaterial común. Dorinda Castro Soliño. Catedrática de Lingua e Literatura Galega en Vigo Transcrición da intervención D.Francisco Fernández del Riego: Pareceume de notorio interese cultural o labor que vén realizando “pro” o grupo de escolas e institutos de Galicia e Portugal a través de PONTE….NAS ONDAS!.Trátase de unha experiencia sen precedentes na historia das relacións culturais entre os pobos de aquén e de alén Miño.
O proceso educativo que o grupo desenvolve non só está a producir positivos resultados no presente, promete sobre todo encarreirar o futuro do alumnado cara a horizontes novos. A programación de actividades xa realizadas nos medios de comunicación auditivos e as retransmisións por Internet son proba inequívoca da eficacia do brillante empeño.
Os traballos de tema común a ambos pobos a cargo dos centros comprometidos constitúe un feito tan insólito como proveitoso. Penso que esta experiencia protagonizada por rapaces galegos e portugueses ben dirixidos polos seus educadores abre perspectivas fecundas para o mañá. Cómpre felicitar e animar á importantísima iniciativa que PONTE…NAS ONDAS! puxo en vixencia. O mundo da cultura nas diversas manifestacións debe facerse eco e apoio da súa laboría. Está aberto o camiño que con continuidade levará as sucesivas xeracións de escolares a un porvir que consolide a colaboración galego-portuguesa nos eidos da cultura común. Pola miña parte fólgome en lles dar aos protagonistas os meus expresivos parabéns.