Santiago de Compostela | A Federación Down Galicia, entidade que agrupa ás sete entidades específicas para a síndrome de Down da comunidade autónoma galega, vén de renovar integramente o seu Punto Virtual de Educación, un espazo web que ten por finalidade apoiar ao profesorado galego no deseño dunha escola máis inclusiva.
O portal web, que Down Galicia pon a disposición de toda a comunidade educativa desde hoxe mesmo, busca favorecer a inclusión de todo o alumnado nas aulas e nos centros escolares e mellorar a coordinación e a colaboración entre os distintos axentes implicados no proceso educativo.
Este Punto Virtual de Educación incorpora moitísima información, materiais e documentación, facilitando así un recurso máis na atención á diversidade presente nas aulas. Por un lado, inclúe información sobre o servizo de inclusión educativa das entidades Down de Galicia e os conceptos clave nos que se fundamenta, así como tamén sobre as barreiras máis frecuentes que impiden e/ou dificultan a participación do alumnado coa síndrome de Down e discapacidade intelectual.
Por outra banda, identifica e orienta na importancia da accesibilidade dos materiais empregados e ofrece información sobre distintos enfoques e metodoloxías inclusivas que favorecen a aprendizaxe.
Tamén conta cun extenso apartado coas preguntas máis frecuentes sobre a inclusión na aula das persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual e cun espazo con documentación fundamental para comprender a importancia da inclusión educativa. Por último, ofrece un apartado para poder realizar consultas ou enviar información ao equipo de profesionais do servizo de educación da Federación, buscando deste xeito que sexa un espazo vivo e de intercambio, no que o profesorado tamén poida compartir as súas experiencias e materiais, enriquecendo este recurso.
A educación inclusiva: un dereito fundamental
O Movemento Down en Galicia leva case 25 anos reivindicando a importancia da construción dun modelo educativo inclusivo baseado nos principios de calidade, equidade, flexibilidade e respecto á diversidade, e loitando para que todo o alumnado acceda á educación ordinaria e participe en igualdade de condicións, contando con apoios, modificando todo aquilo que sexa preciso, prevendo as distintas barreiras e propoñendo solucións ás mesmas.
A educación inclusiva implica cambios para poder dar resposta ao modelo social de apoio e atención ás persoas con discapacidade fronte ao modelo rehabilitador. En palabras de Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, “as persoas con discapacidade non son a raíz do problema, senón que o son as diferentes barreiras coas que se atopan e as limitacións da propia sociedade para prestar servizos apropiados e para asegurar adecuadamente que as necesidades das persoas con discapacidade sexan tidas en conta dentro do sistema educativo”.
O presidente de Down Galicia indica de forma tallante que “a educación ou é inclusiva ou non é educación” e lamenta que sexa “algo frecuente que se pense que algo é educación inclusiva cando non o é”.
A educación é un dereito fundamental de todas as persoas, e facelo efectivo esixe garantir que todos os nenos e nenas, mozos e mozas teñan acceso a un sistema educativo de calidade en igualdade de oportunidades. Un sistema que recoñeza o valor da diferenza e apoie a todo o alumnado para conseguir o seu máximo desenvolvemento.
O dereito a unha educación inclusiva está avalado pola Convención Internacional da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que no seu artigo 24 recoñece que “os Estados asegurarán un sistema de educación inclusivo a todos os niveis para as persoas con discapacidade”. Esta Convención foi ratificada en 2008 e aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia e é de obrigado cumprimento en España ao ter rango de tratado xurídico internacional de Dereitos Humanos.
É por iso que desde o Movemento Down en Galicia continúan insistindo na necesidade de abordar un cambio na metodoloxía de traballo, utilizando enfoques inclusivos nas aulas como o Deseño Universal da Aprendizaxe (DUA), e metodoloxías como a aprendizaxe por proxectos, a aprendizaxe cooperativa ou a programación multinivel, entre outras, que eliminarían as barreiras existentes desde o primeiro momento.
Tamén reclaman máis recursos públicos e máis implicación das administracións para que a escolarización inclusiva do alumnado con discapacidade sexa unha realidade, e esixe a estas últimas compromiso, claridade e concreción á hora de definir o que é a educación inclusiva.
Para conseguir unha verdadeira inclusión educativa é preciso contar con profesorado especialista suficiente, que dará apoio tanto a aquel alumnado con necesidades específicas de apoio educativo coma ao resto dos seus compañeiros e compañeiras, evitando deixar atrás a ningunha persoa por mor da súa discapacidade; pero tamén que o resto do profesorado se forme e empregue na aula metodoloxías que promovan a inclusión de todo o alumnado.
Down Galicia
Fundada en 1998, a Federación Down Galicia ten entre os seus obxectivos facilitar a inclusión educativa das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atendendo a principios como a diversidade, a dignidade, a autodeterminación, a participación ou a igualdade.