O presidente francés Emmanuel Macron e a presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, ‘chaman a filas’ para construír a Europa da Defensa ante a “ameaza rusa”. Alemaña retoma o servizo militar obrigatorio. Suecia, como Finlandia, abandona a súa e neutralidade e ingresa definitivamente na OTAN. En vésperas dunhas eleccións presidenciais en Rusia (15-17 de marzo) cun Vladimir Putin cada vez máis fortalecido e que xa acelera as súas estratexias para o novo período 2024-2030, con comicios parlamentarios europeos (xuño) que intúen o posible avance de partidos euroescépticos e incluso prorrusos; e ante a perspectiva dun retorno de Donald Trump á Casa Branca nas presidenciais estadounidenses de novembro, Bruxelas quere ‘cortar polo san’ e asegurar un modelo propio de defensa.
“Ante estas inesperadas declaracións de tintes belicistas de Macron e von der Leyen pode que estemos no momento de dicir adeus á Europa que ata agora coñecíamos”
Ante estas inesperadas declaracións de tintes belicistas de Macron e von der Leyen pode que estemos no momento de dicir adeus á Europa que ata agora coñecíamos. A UE sempre foi un espazo dinámico de integración económico e social aínda que politicamente máis feble e militarmente case inexistente por estar precisamente supeditado ao ‘paraugas defensivo’ da OTAN. Pero a guerra de Ucraína contempla outra perspectiva: a Europa de 2024 aparentemente prepárase cara unha posible nova guerra contra un vello inimigo, Rusia. Putin respondeu inmediatamente a Macron e von der Leyen sobre as “perigosas consecuencias” dunha eventual implicación directa de Europa e da OTAN en Ucraína.
Non esquezamos a Polonia, cuxo peso xeopolítico e militar comeza a fraguarse como a nova avanzadilla da OTAN contra Rusia. A poboación polaca de Rzeszów, a escasos quilómetros da fronteira con Bielorrusia (cun goberno, o de Lukashenko, aliado de Putin) estase convertendo na nova gran base de operacións da OTAN, con masiva presenza de soldados estadounidenses. E Polonia, con vellas aspiracións xeopolíticas desempolvadas pola guerra ucraína, non se queda atrás no ardor militarista aumentando o seu orzamento en defensa e observando unha cada vez maior inclinación social cara ao entrenamento militar ou paramilitar.
Na nova dinámica do conflito ucraíno entra tamén un Estado de facto, Transnistria, de maioritaria poboación étnica e lingüística rusa e que pide agora protección a Moscova ante as “ameazas” contra a súa soberanía e integridade estatal por parte das históricas reclamacións territoriais de Moldavia e Ucraína. Cabe lembrar que desde a desintegración da URSS en 1991, Transnistria, unha especie de parque temático de reminiscencias soviéticas, non é recoñecida como entidade estatal por ningún país nin pola ONU a pesar de contar co tácito apoio ruso e cun continxente militar ruso, o VII Exército. Con certos matices pero sen perder a perspectiva, o de Transnistria lembra o contexto do Donbás previo á invasión militar rusa e Ucraína.
Pero é hoxe en Bruxelas, ademais de Moscova e Kiev, onde mellor se observa o ardor militarista. Washington observa á distancia coa velada intención de someter definitivamente a Europa e romper calquera ecuación xeopolítica que implique tentativamente un achegamento europeo ao eixe euroasiático sino-ruso, cada vez máis fortalecido coa guerra ucraína.
Dous anos despois do comezo da guerra en Ucraína e cunha masacre humanitaria en vivo e directo en Gaza (sen que a UE teña capacidade de manobra pola súa sumisión ao ‘atlantismo’ de Washington), Europa ve como se desliza case a cegas cara un imprevisible escenario bélico que, curiosamente, ninguén garante que exactamente sucederá; pero mellor estar prevenidos, por se acaso, como aparentemente conciben Macron e von der Leyen. Cobra así importancia a vella frase do xeneral estadoundense Patton: “en tempos de paz, prepárense para a guerra”. E iso que non estamos precisamente en tempos de paz.
Este ardor militarista ‘preventivo’ europeo contrasta coa súa negativa para apoiar opcións diplomáticas en Ucraína que non signifiquen outra cousa que a “derrota definitiva de Putin”.
“Este ardor militarista ‘preventivo’ europeo contrasta coa súa negativa para apoiar opcións diplomáticas”
Tras recibir ao presidente ucraíno Volodymir Zelenski, o mandatario turco Recep Tayyip Erdogan presentou unha iniciativa de negociación para a guerra ucraína. Pero nin EEUU nin Europa queren unha pax turca aínda que Ankara sexa membro estratéxico da OTAN. E non o quere pola capacidade turca de interlocución entre o ‘atlantismo’ e o ‘eixe euroasiático’. Unha paz en Ucraína sen as súas condicións é inaceptable para Washington. Así foi no caso de China co seu plan de paz en 2023 e agora cunha nova iniciativa diplomática por parte de Beijing. Hoxe o é cun incómodo actor como Erdogan que implique fortalecer o peso dun interlocutor válido con capacidade para dialogar con Putin e Zelenski. Moi probablemente instigada por Washington, Bruxelas desperdicia así unha oportunidade interesante para sumarse a unha iniciativa diplomática que lle podería reportar unha imaxe máis acaída de resolución de conflitos.
Así, Bruxelas parece apostar pola opción militarista. Hoxe as empresas privadas (como BlackRock) e os ‘perros da guerra’ volven a darse a man cos exércitos europeos. Ese modelo de ‘privatización da guerra’ con implicación de gobernos aliados xa foi ensaiado por Washington en Iraq trala ilexítima invasión de 2003. Hoxe Europa prevé incrementar o seu gasto militar ata un 5% do PIB para os próximos anos. E como queda o gasto social en tempos de crise económica? Estamos ante o final desa “Europa do benestar” da posguerra? A narrativa belicista comeza a marcar a pauta nos mass media europeos. Para algúns, a guerra é “inevitable” e incluso ata necesaria. Discursos que lembran aos das chancelerías europeas previo á I Guerra Mundial (1914-1918) Rusia é hoxe o inimigo. Mañá o será seguramente China. Precisamente ámbolos dous os inimigos que a OTAN non dubidou en identificar tralo cumio de Madrid de 2022.
Está por ver se esta paranoia de guerra ‘inevitable’ que se está instalando en Europa finalmente se converterá nunha estratexia por parte de Bruxelas para forzar á creación dun Exército europeo menos ‘atlantista’ que non dependa da OTAN ante posibles escenarios imprevistos como o retorno de Trump á Casa Branca. Atízase así o temor e o medo ante un “novo-vello” inimigo exterior (Rusia, China) capacitado para facer fronte a unha hexemonía ‘atlantista’ hoxe contestada e que ameaza con propiciar o seu declive.
“Está Europa (e a OTAN) realmente preparada para ir á guerra contra un inimigo competente como Rusia (e quizáis tamén China)?”
Agora ben, esta Europa (e tamén a OTAN) precisamente desacostumbrada á guerra tras varias décadas de inocente “belle èpoque“, está realmente preparada para ir á guerra, agora contra un rival cando menos competente? Será que este ardor militarista esconde, no fondo, a crise e a incapacidade do Occidente ‘atlantista’ por reconducirse como actor de resolución de conflitos?