Alguén deixou escrito que “a liberdade de información é a esencia de toda democracia, pero que se a liberdade de información se pode comprar a democracia quedará invalidada”. Creo que isto é o que está pasando nestes momentos.
É certo que existen tantas percepcións subxectivas dunha mesma realidade obxectiva como persoas a contemplen, por iso resulta difícil entender que nestes momentos sexan tantas as persoas (léase comentaristas, politólogos, tertulianos) que coincidan nunha única versión subxectiva da mesma realidade obxectiva.
Sería a raíz do 15-M cando comeza esta especie de confluencia sideral entre os medios de comunicación para presentarnos un universo idéntico nos seus fins, aínda que variable na súa percepción.
Nestes momentos parecera que os medios de comunicación tiveran os mesmos intereses. En efecto, é así. Dise que Deus escribe dereito con liñas torcidas; efectivamente. O actual deus “o becerro de ouro” a que a maioría dos medios adora ten diferente caligrafía pero un mesmo sentido da frase, da idea que quere impoñer.
Veño seguindo con moito interese as liñas editoriais e os artigos dos máis conspicuos comentaristas dos medios de comunicación que podemos atopar nos quioscos ou nas barras dunha cafetería calquera. Hai un fio conductor idéntico: o movemento social que xorde dunha situación desesperada haino que parar, sexa como sexa. Para logralo todo vale. Titulares a dobre columna, e con enorme tipografia, que logo resultan ser falsos (cando xa se sabía que o eran); acusacións veladas que provocan o que agora se dá en chamar un feito viral; ou sexa, como un virus que se estende polo corpo social e que logo desaparece como por ensalmo, pero que xa cumpriu o seu obxectivo: levar a dúbida ás mentes populares sen capacidade de discernimento para analizar a información manipulada que lle serven en bandexa cada día.
Hai feitos sociais que son atacados por igual na maioría dos medios; logo repártense por comunidades segundo os intereses internos de cada lugar. Así non son tratados coa mesma virulencia pola prensa chamada estatal os feitos que se dan nas distintas comunidades. Da política galega encárganse, dunha maneira máis exhaustiva, os xornais editados en Galicia, que non os xornais galegos; xa me entenden. Aínda que coincidan nos mesmos obxectivos: declarárllela guerra a esta nova vaga de ideas que se ven estendendo e que pode rematar co estatus social e político reinante dende a chamada Transición única, delimitan moi ben os seus campos de traballo..
Ata que Podemos saiu á praza e, de golpe, se fixo con cinco deputados no Parlamento Europeo, viviamos unha calma chicha en todos os medios. Había como un acordo tácito de que cando gobernaba a dereita os medios ían cara a dereita; se gobernaban os mal chamados de esquerdas (léase os socialistas) a prensa cambiaba de carril e apoiaba ese neoliberalismo disfrazado de esquerda. Claro que se producian rife rafes (algúns moi serios) dende o Poder; lembremos os tempos de Felipe González enfrontado á liña editorial de Diario 16, con Pedro Jota, á fronte; Non parou ata que o botaron. Inmediatamente este rebélase e funda outro xornal: El Mundo, que seguiu dándolle caña a Felipe (lémbremos o caso de Lasa e Zabala) ata conseguir que gañara a dereita de Aznar. Así viviu unha longa temporada ata que Rajoy non estivo de acordo coa liberdade de expresión de Pedro Jota e voltou botalo dese medio. Hoxe podemos lelo na rede.
Non se trataba de que as informacións de El Mundo foran unha marabilla de obxectividade; nada diso. Tratábase de que quería actuar coma un verso libre fóra da estrutura do poema político instituido.
Cando nace Podemos, Felipe González, cal oráculo de Delfos, alíase co actual director de El País, José Luis Cebrián, para realizar un plan de ataque que non permitira crecer a herba nun campo que entendían xa estaba ben traballado pola suposta esquerda socialista. Todos coñecemos a coincidencia de intereses do pasado socialista e Polanco, daquela o dono de El País e outros produtos do grupo PRISA. Hoxe Felipe González e Rubalvava son membros do Consello Editorial de El País, por exemplo. A este equipo de atacantes sumóuselle, aínda con diferentes adestradores, outros grupos mediáticos que veñen publicando xornais como ABC ou La Razón. Sen esquecérmonos das distintas canles televisivas, brazos dun mesmo polbo mediático.
Cando a Pedro Sánchez, “un chico de la Casa”, se lle ocorre desafiar aos gurús socialistas e consegue facerse coa Secretaría Xeral do PSOE, e cometeu o pecado de lesa maxestade falando de presións dende o entorno do Grupo editorial de El Pais a cousa xa non tiña volta atrás. Traspasara a linea roxa. Como se lle ocorre a un ninguén, que diría Neira Vilas, descubrir os intereses xa históricos e debidamente gardados entre os vellos roqueiros socialistas e o xornal símbolo da liberdade de prensa deste Pais. É o momento en que Pedro Sánchez comeza a perder a xa histórica votación fraudulenta do Comité Federal do pasado 1º de outubro de 2016. Logo virían os aloumiños con Podemos e todo o que xa é historia recente.
En Galicia tamén tivemos e temos movementos xornalísticos. Aquí gobernou a dereita sempre, agás pequenos interregnos que, como di o refrán “unha anduriña non fai verán”. Cando este País consegue un goberno bipartito de socialistas e nacionalistas, así como quen non quere a cousa, acendéronse todas as alarmas. Os medios de comunicación esperaron un tempo, breve, para comprobar se podían seguir mamando da teta do Poder como viñan facendo. Aínda que as cousas non cambiaran demasiado, si houbo algúns atisbos de cambio. O Goberno repartía a tarta da publicidade institucional entre medios máis pequenos, sobre todo os escritos en galego. Isto non estaba nos plans dos medios diarios deste Pais sobre todo dende A Coruña.
Cando xa estaba rebasado o ecuador da lexislatura o propietario de Construcciones San José ( din que auspiciado por Anxo Quintana, daquela Vicepresidente da Xunta) ten a “orixinal idea” de poñer na rúa un novo xornal: Xornal diario. Aquilo xa era demasiado. Atreverse a desafiar ao todo poderoso Santiago Rey Fernández Latorre era algo que só un tolo se podía permitir. Nese mesmo instante o bipartito comezou a perder o goberno. As famosas cadeiras “carísimas” que dixeron mercara Touriño, Presidente da Xunta, para a súa residencia; os coches de gama alta que resultaron ser os mesmos que tiña mercado Fraga; (creo que ainda seguen na garaxe da Xunta); as viaxes en iate de Quintana co dono da empresa San José, que fora moitos anos antes de chegar ao goberno; , a emboscada en plena campaña que lle tenderon no Val Miñor nunha festa da terceira idade; ata famosa reunión presidida por homes de La Voz de Galicia celebrada na Coruña na que se lle din a Quintana que se continúan cos plans das eólicas sufririan serias consecuencias; ao que Quintana resposta “aquí hai xente que quere dirixir este País sen presentarse ás eleccións”. E así poderiamos seguir. Resumindo: o bipartito perdeu na provincia da Coruña (que casualidade!) un deputado e o goberno.
Cando Beiras rompe co BNG e vai por libre os medios ofrécenlle unha cobetura inimaxinable. Non se trataba de aceptar a súa proposta politica senón de romper co nacionalismo (divide e vencerás) para que non fora quen de acadar un cacho de poder suficiente e constituir un novo goberno bipartito cos socialistas. O obxectivo era, e segue sendo hoxe con maior contundendia, que o PP non perda o Poder.
Saben vdes. cantos millóns de euros anuais deixarian de entrar na caixa de certos xornais de Galicia se tiveramos outro goberno que fixera un reparto equitativo dos recursos públicos via publicidade institucional?
Pero Pedro Sánchez presentouse “a carreira das primarias” e gañou con toda claridade. En principio, como non se esperaba puidera ser quen de cambiar nada, tivo o que se podía chamar “unha boa prensa”. O problema comezou cando se vislumbraba que ía en serio, que estaba disposto a tombar a Rajoy aínda que fora apoiándose en Podemos e nos partidos nacionalistas vascos e cataláns. Por aquí si que non pasaban os González, os Rodríguez Zapatero (nun principio seu grande valedor), os Rubalcaba, a maioría dos baróns territoriais. O famoso “no es no” proporcionou a precisa munición para que todos e dende todos os ángulos disparan contra o Secretario Xeral do partido socialista que gañara limpamente unhas eleccións en primarias. Ata que o botaron non pararon. Todos lembramos as armas e os métodos antidemocráticos utilizados. Os argumentos empregados non se sostiñan. O obxectivo era que Pedro Sánchez non podía ser o novo Presidente do goberno do Estado Español se non era co visto e prace dos aiatolas socialistas donos das esencias patrias.
E chegaron de novo outras primarias onde que mais ordena son os militantes. Pedro Sánchez atreveuse a presentarse de novo (logo de renunciar á súa acta de deputado ao ser expulsado da Secretaria Xeral de forma totalmente antidemocrática) para voltar á Secretaria Xeral do PSOE. Pero, como se atreve este muchacho, de novo, a desafiar aos ínclitos homes e mulleres do Partido? Pois si; fíxoo.
Claro que a campaña mediática desatada na súa contra non ten parangóns na historia dos últimos candidatos a un posto político de importancia. Unha “curiosa” coincidencia de puntos de vista estendeuse por todos os xornais desta pel de touro chamada España. O apoio masivo, explícito, contundente, á candidata andaluza, Susana Díaz (non a Susanita que tiña un rato chiquitín) estaba programada para fundir na misera a Pedro Sánchez e arrombalo dunha vez por todas. Os medios presaxiaban unha tunda de campeonato ao “pobre Pedro Sánchez” que, desafiaba só ante o perigo a todo o APARATO do partido socialista. Pero como di o refrán, “as armas cárgaas o demo” e aquí “os demos” non contaron que a militancia socialista seguía apostando polo “NO ES NO”, de Pedro Sánchez.
Era dificil atopar un artigo de OPINIÓN que non lle dera caña ao atrevido militante de base. Ao militante que lle perdera o respecto aos gurús da política chamada socialista practicada polo PSOE nos últimos 25 anos. Pero ás veces os pequenos davices vencen aos todopoderososo goliates. E así foi. Pedro Sánchez derrotou dunha maneira inequívoca á presidenta territorial andaluza Susana Díaz. Tamén entrou en liza un vasco que resistiu ata o final aínda que as súas posibilidades eran mínimas. Pedro Sánchez goza, nestes momentos, dunha “especial popularidade”. Os medios tiveron que rendirse ás evidencias pero os comentaristas, os criadores de opinión, non soltan prenda: seguen asegurando que o PSOE con Pedro Sánchez á fronte non ten futuro.
A isto chámanlle liberdade de prensa. Curiosa liberdade que coincide ata nos puntos e comas. Eu o que aprecio é unha indecente campaña de intoxicación de todos os medios (quedan mínimas escepcións) para teledirixir (e nunca mellor dito) as opinións e de paso os votos dos cidadáns cando chegue a ocasión. Unha murmaceira que van deixando cair nas mentes dos lectores pouco entrenados e que chegarán ao momento elixido enchoupados ata as orellas.
Nós xa estamos vacunados tempos ha. Vostedes fagan o mesmo; que cando queiran mollarse sexa libremente e non dirixidos dende “púlpitos de novos sacerdotes” que, coma fixeron sempre os vasalos, só traballan para os seus amos.O que os clásicos dician “pro domus sua”. Sexan felices mentras tanto.