Venezuela volve á actualidade, sen a intensidade de antano e con menos polarización mediática. Non obstante, e sen desestimar que a crise venezolana segue a estar condicionada pola tensa conxuntura internacional, desta vez aprécianse expectativas de cambio e de posible normalización política.
En marzo pasado o Consello Nacional Electoral (CNE) anunciou os comicios presidenciais para o vindeiro 28 de xullo (28X), adiantando un calendario que en principio estaba previsto para o último trimestre do ano. O actual mandatario Nicolás Maduro busca unha reelección que disipe calquera sospeita sobre a súa lexitimidade presidencial, tomando en conta o semi-illamento internacional do seu goberno tralas eleccións presidenciais de maio de 2018, avaliadas entón polo Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) en vez da Asemblea Nacional, o órgano parlamentario en control maioritario da oposición desde 2015.
A espiral de crises políticas sobre a lexitimidade presidencial en Venezuela levou a unha incesante polarización que acadou episodios surrealistas como o “interregno presidencial” de Juan Guaidó (2019-2022), entón recoñecido por unha boa parte da comunidade internacional (incluíndo EEUU e Europa) para progresivamente converterse nunha figura marxinal e ata incómoda para a propia oposición venezolana. Isto levou a Maduro a recuperar terreo político pola vía electoral, destacando a retoma do poder lexislativo en 2021. Nese contexto presentouse igualmente o drama humanitario vía refuxiados por mor da crise económica e da represión política: dende 2014 máis de sete millóns de venezolanos deberon marchar do país, aproximadamente un 10% da súa poboación. Por outra banda, as distorsións do mercado enerxético derivados da guerra de Ucraína e as tensións internacionais permitiron certo barniz de normalización da situación venezolana, incluso en termos económicos.
A Plataforma Unitaria xa ten candidato
Polo tanto, estas eleccións 2024 son vitais para consolidar o poder de Maduro e da súa estrutura de poder “madurista” establecida trala morte de Hugo Chávez en 2013. Pero tamén existen outras variables: a oposición volve a reorganizarse presentando unha alternativa unitaria, aínda que de menos perfil mediático, que permita dar curso a un cambio político no país.
A oposición volveu a reconstruírse tralas eleccións primairas do pasado 22 de outubro que deron unha abafante vitoria (93% dos votos) á candidata María Corina Machado (MCM), quen posteriormente foi inhabilitada electoralmente polo TSX baixo presuntas acusacións de corrupción e incluso de participar nunha conspiración golpista contra Maduro. O TSX tamén inhabilitou á candidata designada por MCM, Corina Yoris.
“A oposición volveu a reconstruírse (…) elexiu o pasado 19 de abril un candidato unitario, sendo Edmundo González Urrutia, un diplomático de 75 anos”
Este contexto acelerou dentro da oposición a necesidade de elixir o pasado 19 de abril un candidato unitario, sendo Edmundo González Urrutia, un diplomático de 74 anos pouco coñecido pola sociedade venezolana, a principal aposta para enfrontar electoralmente a Maduro. Non obstante non será o único candidato opositor xa que outros decidiron presentar igualmente as súas candidaturas tomando distancia da Plataforma Unitaria.
Esta aposta implica para MCM traspasar a González Urrutia non só o apoio do seu equipo electoral senón tamén dos elevados índices de popularidade cos que goza a líder inhabilitada, quen percorre con frecuencia o país facendo campaña a favor de González Urrutia. A reacción de Maduro ante esta alternativa está establecida en reforzar a represión política e a intimidación contra o entorno político e electoral de MCM, con numerosas detencións e tácticas liberacións de presos políticos nos últimos meses por parte da policía política (SEBIN), así como da aprobación parlamentaria de instrumentos lexislativos de carácter punitivo.
Transición, cohabitación ou “máis Maduro”?
A pesar do seu baixo perfil, a “opción Urrutia” comeza a perfilarse como unha posibilidade de cambio en Venezuela, tomando en conta a impopularidade dun Maduro que comeza a observarse vulnerable. Dentro dos limitados círculos políticos en que goberno e oposición en Venezuela teñen capacidade de diálogo comeza incluso a falarse dunha transición pacífica do poder vía cohabitación.
Esta perspectiva cobra certa incidencia ante a crise socioeconómica venezolana e a excesiva tensión no concerto internacional (Ucraína, Gaza, Irán-Israel, Europa-Rusia, China-EEUU) toda vez asómase a figura de Donald Trump para retornar á Casa Branca, que pode implicar unha maior intransixencia e sancións contra Maduro, en caso de que este sega no poder.
Compre observar agora que pode suceder o 28X. Apostar por un candidato unitario de baixo perfil como González Urrutia pode ser unha estratexia electoral eficaz para a oposición, amparado pola popularidade de MCM como principal aval para erixirse como a candidatura clave para derrotar a Maduro, fuxindo de personalismos a favor dunha candidatura de consensos que acolla as expectativas de cambio e os intereses dos diversos sectores opositores.
Non obstante, Maduro segue a ter cartas ao seu favor. Sexa por coacción, convencemento, dádivas ou pactos políticos entre as principais faccións de poder dentro da estrutura gobernamental, Maduro manexa intereses de poder dentro do CNE, da estrutura burocrática, administrativa e empresarial, a Forza Armada Nacional Bolivariana (FNB) e algúns instrumentos políticos en sectores populares herdados do “chavismo”. Desde finais de 2023, Maduro aplicou unha “axenda nacionalista” vía referendo soberanista co respecto á reclamación territorial no Esequibo contra a República de Guíana. Unha táctica política, se ben con escaso entusiasmo e incluso indiferenza popular, pero que revelaba claras expectativas electorais para o 2024.
“Maduro segue a ter cartas ao seu favor”
Se ben seguen a estar presentes as ansias de cambio en Venezuela, a diferenza de antano o actual clima ten baixado notoriamente a súa intensidade de polarización e de entusiasmo electoral; visto en perspectiva política, este factor pode igualmente favorecer as opcións de Maduro.
O contexto exterior ten tamén a súa influencia. Venezuela xa non supón ese factor de confrontación tanto a nivel hemisférico como europeo. Para moitos gobernos, especialmente en América Latina, Europa e incluso EEUU, urxe un proceso de normalización, sexa de continuidade ou de transición, que implique regularizar e aclarar o contexto político en termos de poder. O clima de volatilidade e incertezas a nivel global intúe presións permanentes cara Maduro e os actores políticos para tentar estabilizar un actor enerxético da importancia de Venezuela, cuxos recursos son apetecidos polas grandes multinacionais.
“O clima de volatilidade e incertezas a nivel global intúe presións permanentes cara Maduro e os actores políticos para tentar estabilizar un actor enerxético da importancia de Venezuela”
A viraxe “liberal” e dereitista en Arxentina (Milei), O Salvador (Bukele), Perú e outros países latinoamericanos pode implicar presións por favorecer o cambio político en Venezuela. Non obstante, Maduro parece máis persuadido a aplicar o “modelo Ortega” en Nicaragua, apoiado pola sempre decisiva influencia cubana dentro de Venezuela. Gobernos de esquerdas veciños de Venezuela como os de Lula e Brasil e Petro en Colombia, a priori condescendentes con Maduro, deberán apostar por proceso electoral libre, transparente e democrático que implique uns resultados de lexitimidade, recoñecido polas autoridades internacionais (a pesar da negativa de Caracas a recibir a observadores da Unión Europea) e, se cabe, capacitados para iniciar unha transición ordenada.
Polo tanto, e a pesar da baixa da intensidade e atención política sobre o “caso Venezuela” a nivel internacional, o país define este 28X un novo capítulo ata o 2030, data que conmemora os 200 anos da independencia definitiva de Venezuela. Con menos intensidade, o pulso “chavismo-oposición” segue vixente cun Maduro que busca definitivamente a consolidación da súa estrutura de poder “post-chavista” e unha oposición que busca entusiasmar cunha candidatura unitaria enfocada no cambio político.
“As presións por normalizar a crise venezolana non descartan a posibilidade dunha cohabitación política post-electoral entre Maduro e a oposición”
Non obstante, as experiencias electorais do pasado en Venezuela certificaron o nivel de favoritismo e compatibilidad política co poder por parte do CNE e outras institucións estatais, intensificando ese clima de enrarecemento e suspicacias sobre os resultados electorais. Con todo, as presións por normalizar a crise venezolana non descartan a posibilidade dunha cohabitación política post-electoral entre Maduro e a oposición como instrumento que propicie unha paulatina transición, quizáis máis de talante “gatopardiana“.