Lugo | José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo, participou este venres xunto co ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, na supervisión das obras dos viadutos do Castro da A-6, que abrirá mañá sábado día 30 de decembro en dirección Madrid.
O mandatario provincial puxo en valor que o Goberno central cumpriu cos prazos acometendo unha actuación complexa nun tempo récord, e que, como avanzou o ministro, na primavera estarán abertos os dous carrís en sentido bidireccional, e a finais do 2024 a totalidade dos viadutos estarán operativos.
“Hoxe é un gran día para a provincia de Lugo. Temos que estar satisfeitos todos os lucenses”, subliñou o presidente provincial, pois “conseguimos que unha parte deste viaduto se poña en marcha, o que evita que parte do tráfico teña que ir pola estrada vella, e en breve, nun prazo de tres meses aproximadamente, como avanzou o ministro, vai estar aberto totalmente polos dous carrís, polo que recuperaremos a normalidade, o tráfico vai a ser moito máis fluído e as mercancías van ter unha mellor saída de Galicia cara a Meseta e cara o resto de Europa”.
José Tomé incidiu en que “o realmente importante é que hoxe o Goberno está dando conta de xestión, está poñendo en servizo obras que son realidades”, sobre todo “logo de todo o que se leva polemizado con esta obra, por certo, feita na etapa de Goberno do PP, polo tanto, se tiña algúns defectos, había que ver quen foi o responsable, desde logo o Goberno do Partido Socialista, non”, sinalou o mandatario provincial, quen lembrou ademais que a adxudicación tivo no seu día “unha baixa tremenda, superior a un 30%”.
Así mesmo, Tomé Roca mostrouse convencido de que o Goberno do Estado e o ministro de Transportes “vai ser sensible ás nosas necesidades, e no próximo ano teremos totalmente rematado e en servizo todos os viadutos da A-6, que é o que de verdade importa, máis alá dalgunha critica velada que puidemos escoitar hoxe aquí, por parte de quen ao mellor tiña que dar explicacións de por que están sen facer infraestruturas como a estrada autonómica do Courel, o desdobramento do corredor entre Nadela, Sarria e Monforte, a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, o acceso ao porto seco de Monforte ou a Ronda Leste”.
Na visita do ministro, participaron, entre outras autoridades, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo, e o presidente da Comisión de Transportes do Congreso dos Deputados, José Ramón Gómez Besteiro.