Con orixes familiares en Ponteareas, Sergio Quiroga chegou a Galicia dende a súa natal Arxentina en abril de 2001. En 2003 creou Ecocelta como negocio pioneiro en xestión de residuos orgánicos para producir abono ecolóxico. Hoxe, cunha plantilla de once profesionais, dos que catro son técnicos, un 50% deles mulleres, Ecocelta estase consolidando no mercado galego e español como un referente en canto a economía circular.
“No bosque en Villasobroso, descubrín que os restos de poda (…) mais dos animais do zoolóxico non se xestionaban e o tiraban nun vertedoiro. Alí naceu a idea de crear un centro de xestión para producir abono ecolóxico”
Cómo e por qué decidiches crear Ecocelta?
Como estudiei Agronomía en Bos Aires e non tiña o título homologado, traballei en diversos oficios. Nun deles, como desbrozador no bosque en Villasobroso, descubrín que os restos de poda do parque de Villasobroso mais dos animais do zoolóxico non se xestionaban e o tiraban nun vertedoiro. Alí naceu a idea de crear un centro de xestión para producir abono ecolóxico. Como ese sitio era da administración local, pedín autorización para facelo nunha finca en Arcos de Fontela, ao carón da casa dos meus avós.
Aí naceu o Ecocelta artesá. Xurdiu como un hobbie polas tardes tras vir de traballar. Levaba a limpeza da zona de cuadras do zoolóxico e, con ese esterco, ía criando lombrices. Cando obtiven o produto final, o abono ecolóxico, leveino para ofrecerllo a unha tenda en Ponteareas ao fronte do Concello. O propietario pediume que lle levara todo o produto porque diso non había. Efectivamente, empecei a indagar e dinme de conta que non había grandes producións de esterco aquí en Galicia.
Estamos falando de qué ano?
2002, ao ano e medio de chegar da Arxentina. Vin entón que había dúas oportunidades de negocio: unha, buscar unha solución ao tema dos orgánicos; e a segunda, producir abono ecolóxico, que non había e tampouco se falaba diso. Con esa idea fun a un curso de creación de empresas da Cámara de Comercio de Tui e alí redactei o plan de empresa e naceu o nome de Ecocelta. Deixei entón o meu traballo como desbrozador e empecei como emprendedor. En realidade, nunca pensei en ser emprendedor. Eu viñen da Arxentina como técnico e científico, pero vin aquí que había unha oportunidade para emprender.
É nese momento cando tiveches o problema co Concello?
Non. Eu creei a empresa en novembro de 2003. Ó principio parecía todo doado, empecei só e vendéronme este terreo onde estamos agora de 3.000 m2. O Concello deume a aprobación, eu xa había invertido, habíame endebedado, e é aí cando o Concello comezou a poñerme obstáculos dicindo que debía comprar máis terreo.
Pero era un problema de superficie?
Non. O problema tiña que ver co rural, xa que as cousas propias do campo tes que facelas co que che diga nese momento a Concellería de Urbanismo e alí non hai xente do campo. A actividade que eu quería facer de abono ecolóxico non existía e, polo tanto, en Urbanismo non sabía como encaixala. Me puxeron como Planta de Químicos, cousa que pareceume incrible. Así estiven catro anos.
O problema xurdiu en 2008 cando Ecocelta estaba comezando a consolidarse, a ter bos clientes e contactos comerciais importantes como Fertiberia para producirlle 10.000 toneladas de abono anuais. Pagaban a 75 euros a tonelada, eran por tanto 750.000 euros. Foi entón cando o Concello me paralizou por unha cuestión da granxa de aquí ao lado. Houbo unha gripe aviar e como había unha regulamentación nova, de novembro de 2005, para as empresas avícolas que prohibía montar plantas a menos de 500 metros. A granxa quixo facer unha ampliación e como estábamos a 20 metros de Ecocelta, a única solución por tanto era eliminarnos. Non nos querían dicir que era pola ampliación da granxa. Era un asunto táctico, estratéxico.
Esa granxa de quen era?
Da familia Lago, de Armando Lago e dos seus fillos.
Pero cales foron entón os argumentos?
Os argumentos foron que empezaron a pintar as autovías, non por problemas de olores. E por tanto perdimos todo porque o Concello claudicou ás presións e pensaron que nos ían eliminar. Pero nós revivimos, ao ter as licenzas e autorizacións para facer esta actividade, e polo tanto estábamos amparados pola lei. O curioso é que os que nos querían echar non tiñan licenza e seguen sen licenza. Medio Ambiente deunos a razón, o Concello quitounos igual as licenzas, tivemos que ir a xuízo e gañamos. Iso foi en 2012. A granxa segue traballando aínda que había orde de demolición. Pero eu non quixen demolela para evitar problemas.
Quen gobernaba nese momento no Concello?
Cando eu empecei con Ecocelta estaba Nava Castro e logo entrou Salvador González Solla.
A orde de peche deucha Salvador González Solla como alcalde?
Si, lamentablemente si. Nunca tiven problemas con él ata que xurdiu o da granxa. Pero sé que él tivo moitas presións políticas para que nos pecharan. Nós recibimos 140 inspeccións dende a Xunta e doutros lados. Fumos a empresa máis inspeccionada de toda Galicia en 2008 e 2010. Salvador estivo de alcalde os catros anos que durou o problema. Nós o que queríamos era solucionar o problema e poder seguir traballando.
Qué sucedeu despois?
Tras gañar o xuízo, dediqueime por tanto a sacar adiante a Ecocelta, a pesar de que en ese momento estaba arruinado e con dous fillos. O Concello non pagou nada e eu perdín millón e medio de euros. Non obstante, o bo de todo isto foi que o tema ambiental comezou a ser unha necesidade e iso permitiunos ‘brotar’ e sacar a empresa adiante. Penso que se non existira Ecocelta, o Concello terminaría creando un vertedoiro. E tamén logrei conformar un bo equipo, a partir de 2017. No momento do peche da empresa, éramos 16 persoas. Hoxe teño once persoas moi ben formadas.
Agora hai un boom do ecolóxico
Resulta que agora todas as empresas son ‘verdes’, ecolóxicas, porque hai diñeiro, subvencións para iso. Agora resulta que nós, Ecocelta, somos útiles, pero tamén hai que dicir que nos salvamos grazas a todos ese contexto medioambiental. Se non existira esa necesidade, houbésemos desaparecido. Con todo, no tema ambiental, Galicia está moi por debaixo das necesidades. Pero podo dicir con humildade que Ecocelta é unha das mellores empresas de produción e de xestión ecolóxica de toda Galicia e incluso competindo mais alá de Galicia. E o digo polos clientes que traballan con nós.
“Resulta que agora todas as empresas son ‘verdes’, ecolóxicas, porque hai diñeiro, subvencións para iso. Agora resulta que nós, Ecocelta, somos útiles”
Tes clientes fóra de Galicia?
Si. Temos en Galicia unhas 200 ou 300 tendas, adegas e profesionais da agricultura. Logo temos clientes en Madrid, Murcia, Almería, Asturias, Cantabria, Valladolid, onde valoran o noso produto. Incluso temos exportado a África.
Eles veñen cos seus propios camións para cargar?
Non. Aquí temos loxística propia para unha área de influencia de 60-100 quilómetros coas nosas furgonetas, e despois traballamos con empresas de transportes.
Recibiches subvencións da Xunta de Galicia para o teu negocio?
Nos inicios de Ecocelta invertimos máis de 2 millóns de euros en maquinaria e instalacións e, polo tanto, sempre hai axudas por unha porcentaxe do que compras novo, e non sempre podes comprar novo. Nós non somos de coller subvencións polo simple feito de que saian.
O que si é que Ecocelta, nos últimos catro anos, como somos unha empresa con I+D propio, na que están catro técnicos, e que desde 2006 leva facendo máis de 20 proxectos de investigación, catro patentes da que vendimos unha fai pouco, pois temos subvencións para o persoal de investigación.
Presentaches algún proxecto para os fondos Next Generation?
Eu diso non recibín nada. Ecocelta presentou un proxecto a través do IGAPE de economía circular, que era da xestión da concha do mexillón, e que comezamos aquí fai cinco anos. Galicia ten un sector conserveiro moi forte pero non aproveita os seus residuos orgánicos. E dese proxecto noso saíu o primeiro fertilizante feito con conchas de mexillón e que está rexistrado en Madrid en 2019. E grazas a ese proxecto sacamos unha patente.
Ecocelta é a primeira empresa que ten a patente de compostaxe de molusco, de concha de mexillón. E iso serviu para dar saída a un producto comercial. O chan de Galicia precisa de moita cal e a cocha de mexillón ten toda a cal marina necesaria, case o 70%, e é biodegradable. Este é o primeiro fertilizante real de economía circular. Como os fondos Next Generation da UE implican tamén economía circular, a Xunta de Galicia tivo aquí o encaixe perfecto para dar a coñecer este proxecto. Son 100.000 toneladas anuais de residuos que se tiran sen xestionar. Agora presentouse un proxecto para xestionar esas 100.000 toneladas.
E qué recibiu Ecocelta?
Para Ecocelta, só entrou o 3% dos fondos por ter o I+D. A empresa gastou 140.000 euros e só recibiu 32.000 deses fondos. E, de repente, apareceu un proxecto de xestión da concha de mexillón por 43 millóns de euros, que é o que a Xunta quere. Pero nós non estamos nese proxecto. Non temos ningunha comunicación nin confirmación por parte da Xunta nin do goberno central sobre se estamos nese proxecto europeo. De feito, cando nos reunimos o ano pasado coa Directora Xeral de Mar da Xunta, nin siquera coñecía sobre o que habíamos feito. Pero temos esperanzas de que ese proxecto saia adiante.
Nós demostramos que con ese 3% é un proxecto viable. Pero para a Xunta, nós somos como os que aparecen de golpe cun proxecto exitoso para Galicia pero tamén somos unha molestia para os que sempre se levan as subvencións.
Con todo, podo dicir que Ecocelta naceu como economía circular. Foi a primeira empresa de economía circular en Ponteareas. E os nosos avós xa facían economía circular, aproveitaban todo o que se tiraba. Así, a economía circular non naceu no 2020. Incluso na Arxentina, podo dicir que un ‘Ecocelta’ alá é algo normal, todo se reciclaba e se aproveitaba, non se tiraban os residuos. Incluso non había contendores.
“Podo dicir que Ecocelta naceu como economía circular. Foi a primeira empresa de economía circular en Ponteareas”
Desde 2007, Ecocelta dispón de certificado ecolóxico. Isto permitiu a apertura de mercados?
(Responde Barbara Álvarez, directora comercial de Ecocelta) Si. Ao final, o ecolóxico foi o elemento diferenciador.
Ecocelta acaba de obter o premio PYME Innovadora. Interprétase isto coma un recoñecemento oficial a súa aposta pola BioCultura?
Non é un premio, é un selo, unha certificación. A PYME Innovadora é unha certificación que da o Ministerio de Ciencia e Innovación por catro anos a aquelas empresas que cumpren con requisitos de innovación, que non calquera empresa pode chegar.
“Ecocelta aposta por Galicia, por iso supón unha gran vantaxe para Ponteareas”
Hai 200 empresas en Galicia que teñen ese certificado e unha delas é Ecocelta. É un recoñecemento á actividade investigadora e de innovación que ten Ecocelta. E quixera tamén enfatizar que Ecocelta aposta por Galicia, por iso supón unha gran vantaxe para Ponteareas.