A Coruña | O presidente executivo de Ecosystems2030, Omar Hatamleh, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acaban de pechar un acordo para que a cidade herculina sexa a sede permanente deste foro sobre innovación e tecnoloxías emerxentes durante os vindeiros anos co obxectivo de convertelo “no evento sobre innovación máis influente do mundo”.
Aínda que contaba con ofertas doutras capitais españolas, Omar Hatamleh destacou que “a aposta firme da alcaldesa e a implicación e colaboración do tecido empresarial local na primeira edición foron factores decisivos para elixir A Coruña”.
“Este ano constatamos que a cidade conta cun ecosistema empresarial moi vinculado ás TICs e que desde a Alcaldía traballan para posicionar A Coruña como un hub internacional de innovación e desde Ecosystems2030 podemos contribuír á consecución dese obxectivo”, explicou.
II edición en maio de 2023
A segunda edición coruñesa do Ecosystems2030 celebrarase os días 4 e 5 de maio de 2023 en Palexco e volverá reunir a preto de 150 líderes e altos executivos procedentes de máis de 20 países para “explorar os escenarios, os desafíos e as oportunidades que brindarán na próxima década tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial, a robótica, os vehículos autónomos, a impresión 3D ou a realidade virtual e aumentada”.
A pesar de que o programa do vindeiro Ecosystems2030 aínda se atopa en fase de elaboración, Omar Hatamleh confirmou que entre o medio cento de ponentes que visitarán A Coruña en maio de 2023 estarán un dos co-fundadores de Siri (Apple), Adam Cheyer; a xefa de Intelixencia Artificial de Google, Pilar Manchón; o vicepresidente e CEO de Innovación de Microsoft, Jason Wild; o vicepresidente de Amazon, Adam Baker; o vicepresidente senior de Oracle, Alaa Adel; a directora de Innovación de Loreal, Sandrine Gadol; a directora médica de Philips, Alexandra Gonçalves; e o ministro de Economía Dixital e Emprendemento do Reino de Xordania, Ahmad Hanandeh, entre outros.
Proxección da cidade en máis de 40 países
Ademais da “proxección global” que Ecosystems2030 aportará á cidade da Coruña “posicionándoa como referente mundial no ámbito da innovación”, Omar Hatamleh tamén destaca que a repercusión mediática do evento representa “unha gran campaña internacional de promoción turística”. Así, a cobertura informativa da primeira edición rexistrou máis de 575 impactos en medios de comunicación de máis de 40 países, cunha audiencia acumulada de máis de de 3.600 millóns de persoas e un valor publicitario equivalente de 2,2 millóns de euros.