Ribadumia | O Concello de Ribadumia acollerá, o vindeiro luns 10 de outubro, unha actividade enmarcada no Programa de Educación Financeira e destinada ás persoas maiores. Esta formación será impartida por ABANCA en horario de 10:00 horas a 12:00 horas no edificio de Servizos Sociais do Concello.
Durante a primeira hora, os participantes recibirán contidos teóricos e, na segunda, acudirán ao caixeiro de ABANCA para poñer en práctica os coñecementos adquiridos na formación. Con isto, preténdese que os maiores aprendan a usar os caixeiros para facer as súas operacións máis habituais en calquera momento, sen depender destes trámites de forma presencial nas oficinas das entidades bancarias.
Con este programa, o Concello de Ribadumia busca achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores, pois con isto tamén se pretende reducir a fenda dixital con estas persoas que, en moitos casos, se senten esquecidas ou abandonadas por unha sociedade cada vez máis hiperconectada e automatizada. Ademais, é importante amosarlles que as tecnoloxías implican cada vez máis as aportacións positivas na vida e no coidado das persoas.
As persoas que precisen de máis información ao respecto ou que estean interesadas en participar neste programa deberán contactar con Servizos Sociais.