Salvaterra de Miño |O Ciclo de Hostelería, do Centro de Formación Profesional A Cancela de As Neves, é o encargado, nesta cuarta edición da Festa do Viño Espumoso, da realización dun dos eixos máis relevantes da festa, o showcoocking, que terá lugar o sábado 2 de decembro ás 18.00h, e onde os alumnos e alumnas do Centro elaborarán cinco pratos, cun ingrediente sempre en común, o Viño Espumoso.
Os alumnos levan semanas traballando e facendo probas, baixo as directrices das súas profesoras Fátima Estévez e Esther Juan, que nos presentarán cinco pratos que nos sorprenderán, en principio tres salgados e dous doces, e onde se aplicará a fusión entre os diferentes ingredientes e o espumoso, unha viaxe de sabores internacionais, mostrando a versatilidade dos produtos locais e a creatividade do alumnado.
Ambas profesoras acudirán con 5 ou 6 alumnos ao Showcooking, eles serán os protagonistas, serán os que cociñen e expliquen os seus pratos, nunha oportunidade de abrir ao público os coñecementos adquiridos na súa formación, dunha maneira moi especial, promocionando os produtos autóctonos, da súa terra, ademais de ser unha experiencia inmellorable para adquirir experiencia ante o público.