A Coruña | A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asistiu esta mañá á inauguración da exposición “Elisa no mundo das marabillas”, que se pode ver na biblioteca González Garcés. Trátase dos deseños orixinais dun conto que realizaron preto de 30 persoas de Apamp (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral), con sede en Vigo. A edila destacou que as autoras e autores achegan a súa realidade a través de Elisa e amosou a súa disposición para organizar actividades arredor dunha protagonista que ten detrás todo un merchandising con bonecos e contacontos como o que onte na presentación representaron os membros do colectivo.
No acto participaron tamén Concepción Somoza, xerente de Apamp; Fedra Alcaraz, monitora do taller; Diana Comesaña, creadora do conto; Ovidio Rodeiro, delegado da Xunta; e Marisol González, directora do centro bibliotecario.
Desde Apamp sinalaron que desde que saíu a publicación ao mercado en marzo de 2017, despois de introducila no Culturgal de Pontevedra, non para de colleitar éxitos. Dentro de todas as iniciativas, esta mostra comezou a súa itinerancia na biblioteca Juan Campañel de Vigo e pasou pola Ánxel Casal, de Santiago. Hoxe recala na Coruña para poñerlle cara e ollos á parálise cerebral e acompañala de textos que saíron dunha posta en común entre todos. Neira remarcou o carácter alegre e soñador de Elisa e felicitou as entidades implicadas polo resultado.