Hoxe imos botar man dun traballo publicado no xornal “Le Monde Diplomatique”, versión en castelán, deste mesmo mes de outubro, que se titula “Elogio del descrecimiento”.
Creo que nos marca unhas pautas de conduta que non deberiamos botar en saco roto.
Vexamos, logo, unha síntese deste traballo.
“O crecemento actual pode garantir o futuro da humanidade?”
A reactivación da economía mundial tranquiliza os medios de comunicación, a inversores e a responsables politicos. Pero, o crecemento actual pode garantir o futuro da humanidade?Hai quen rexeita ese tipo de crecemento e propón un novo enfoque dos retos medioambientais, sociais e democráticos a escala global.
Arredor do concepto “decrecemento” estase a constituír unha plataforma internacional de fecundos debates. A posibilidade dun crecemento infinito nun mundo finito xa non pode levar a engano a ninguén. Neste mundo desigual, produtivista e consumista, o “cada vez máis” acada os seus límites. No entanto, os partidarios do decrecemento ofrecen perspectivas de xustiza social, emancipación e alegría vital.
“O crecemento calculado como se fai na actualidade baseado no aumento anual do valor engadido, constitúe unha aberración física porque ten unha relación directa coa produción e o consumo”
O crecemento calculado como se fai na actualidade baseado no aumento anual do valor engadido, constitúe unha aberración física porque ten unha relación directa coa produción e o consumo. Un 3% do crecemento actual conduce a dobrar a nosa produción (e o noso consumo) cada 24 anos. Nun século produciremos 18 veces máis. O sentido común dinos que debemos abandonar esa carreira. Quen pode asegurar que a escala global somos máis felices que hai cincuenta anos?
Un sentido inverso sería igualmente absurdo. O obxectivo non é decrecer, senón “descrer”, sae da relixión do crecemento; pasar dunha planificación cuantitativa a unha reflexión cualitativa sobre o sentido das nosas actividades e das nosas vidas. Responder ás nosas necesidades fundamentais de maneira sostible, por suposto, pero tamén fraternal e xusta.
“Un sentido inverso sería igualmente absurdo. O obxectivo non é decrecer, senón “descrer”, sae da relixión do crecemento; pasar dunha planificación cuantitativa a unha reflexión cualitativa sobre o sentido das nosas actividades e das nosas vidas”
A relixión do crecemento segue moi presente tanto na dereita como na esquerda; incluso en ambientes ecoloxistas. Un dos grandes desafíos nestes momentos sería a redución drástica das nosas emisións de gases de efecto invernadoiro. Pero , a menos que superemos as leis da física, parece pouco probable, que vaiamos substituír as enerxias fósiles (petróleo, gas, carbón) que supoñen a día de hoxe o 84% do noso consumo. Logo non nos queda outra que reducir o noso consumo de enerxía.
Temos que renunciar ao produtivismo. Pese as recentes e substanciosos investimentos, a enerxía eólica ou solar supoñen menos do 3% da enerxía primaria mundial e xa está creando tensións. Logo, a transición enerxética só poderá acometerse cunha redución das nosas actividades que consumen máis enerxía.
Nestes momentos só atendemos á dimensión económica da innovación, convertida en sinónimo de progreso técnico. Non hai que rexeitar a innovación técnica cando se sustenta nunha reflexión social e cultural. Un crecemento infinito da poboación terrestre é tan absurdo coma un crecemento enerxético infinito. Isto responde á cuestión central da demografía poñendo o acento nunha xustiza social planetaria. A Historia ensínanos que as poboacións que acadan un nivel de vida decente e acceden á educación reducen por si mesmos o número de fillos.
Preto dun centear de países de todos os continentes xa teñen unha fecundidade inferior ao reemprazo xeracional. A inercia dos fenómenos demográficos levaranos a ser máis de 10.000 millóns de terrícolas nalgunhas décadas, o control do crecemento poboacional só resulta problemático nunha parte da Africa subsahariana. Faise necesario compartir alimento e o acceso a auga, o que implica poñer en cuestión os nosos modos de produción e consumo.
Por outra banda, o envecellemento da poboación esixe que dediquemos máis recursos e tempo á sanidade e á atención médica; aos servizos e á produción dunha alimentación de calidade, menos cárnica, relocalizada e rexeneradora da biodiversidade.
O abandono do capitalismo por si só non é suficiente. Faise preciso renunciar tamén ao produtivismo, ao consumismo; deixar de percibir e organizar a sociedade en base ao único prisma da economía. A isto sumarlle unha crítica radical do tecnocientificismo, esa alienación que considera que a técnixca pode resolvelo todo. Que o decrecemento teña nacido arredor da crítica do desenvolvemento non é unha casualidade.
“O abandono do capitalismo por si só non é suficiente. Faise preciso renunciar tamén ao produtivismo, ao consumismo”
O modelo de civilización occidental impúxose mediante a violencia; primeiro entre as poboacións dos territorios onde naceu, como Inglaterra, no século XVI e coa Revolución Industrial; a continuación no conxunto do planeta mediante a colonización.
Aínda que os occidentais non teñan lexitimidade para prohibirlles aos demais que os sigan á súa rúa sen saída consumista, teñen a dobre obriga de recoñecer a súa responsabilidade nas catástrofes en curso e en deter a explotación dos países do Sur. Só un decrecemento do consumo no Norte permitirá aos do Sur retomar as rendas do seu destino. É a condición indispensable para rematar coa explotación dos seus recursos que xenera inxerencias políticas e económicas. Seguir polo mesmo camiño cun crecemento chamado “verde” só servirá para perpetuar esa dinámica colonial, como nos lembran os exemplos do Congo, pais estratéxico polas súas minas de cobalto (necesario para a industria dixital e para as novas tecnoloxías), ou de Bolivia, cos seus recursos de litio (utilizados nas baterías eléctricas).
“O acceso das clases medias de China, India ou Brasil ao estilo de vida occidental non pode facernos esquencer a crítica do desenvolvemento e os estragos que está a causar nestes países do mundo”
O acceso das clases medias de China, India ou Brasil ao estilo de vida occidental non pode facernos esquencer a crítica do desenvolvemento e os estragos que está a causar nestes países do mundo, porque ao final os chinos son as primeiras vítimas da contaminación asociada á produción do que se consome nos países occidentais. Dado que o Norte é o responsable do 90% das emisións de gases de efecto invernadoiro, só sairemos desta rúa sen saída no que o planeta enteiro está metido a través dun diálogo co Sur e cos países emerxentes recoñecendo esa responsabilidade histórica.
O obxectivo xa non é crecer, senón compartir. Reflectir en torno ao decrecemento lévanos a interesarnos polos conceptos de renda básica, gratuidade, o sistema de intercambio local, nexo entre unha renda básica e o acceso aos servizos públicos e bens de primeira necesidade. Esta dotación garantiría a toda persoa , dende o nacemento ata a morte, de maneira individual e incondicional, condicións de vida dignas.
Atribuiríaselle en forma de dereitos de utilización sobre os recursos (auga, enerxía, superficie para aloxarse ou realizar actividades, alimentación) e o acceso aos servizos (educación, sanidade, transportes, información e cultura), pero tamén noutros sistemas de intercambio non especulativos, como moedas locais. Por último, sistemas democráticos máis directos e deliberativos poderían presentar as cuestións primordiais: que producimos, como, con que fin?
Este proxecto xeral tamén esixe, ademais dun ingreso máximo e dunha reflexión arredor da distribución do patrimonio, elemento crucial nas desigualdades, a realización de auditorias de débeda pública e privada; unha reflexión sobre o papel dos bancos e a criación monetaria.
“Pan e rosas”, un poema de James Oppenheim, convertido en himno de moitos movementos obreiros no século pasado. Sempre fará falta pan, por suposto, pero saboroso e se é posible producido localmente, a partires de fariñas biolóxicas que procedan de métodos de produción rexeneradores de biodiversidade.
Pan que se comparte arredor duns bos pratos sen présas; e tamén rosas, pero non cultivadas baixo horrendas condicións sociais e medioambientais en África e importalas en avións frigoríficos. O decrecemento cuestiona a nosa relación co tempo, co territorio, coas actividades, necesidades e costumes. Articula un proxecto de reapropiación dos nosos desexos, tanto no Norte coma no sur, liberándonos da manipulación publicitaria, así como dos medios de comunicación que pastorean unha sociedade de desigualdades e gastos innecesarios.
“O decrecemento cuestiona a nosa relación co tempo, co territorio, coas actividades, necesidades e costumes”
A altermundista maliense Aminata Traoré lémbranos con frecuencia a necesidade urxente de romper coa “violación do imaxinario” que constitúe a sociedade de crecemento. De emanciparse dela coa ambición de crear abundancia alí onde reina a miseria e frugalidade, alí onde proliferan os excesos.