Ponteareas/BNG | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou Ponteareas para anunciar que a formación nacionalista presentou emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para 2022, instando ao goberno do PSOE e Podemos a investir nas necesidades históricas e vitais para Ponteareas como a seguridade viaria na N-120 e a construción da variante.
Acompañado da alcaldesa da localidade, Cristina Fernández Davila, de membros do BNG e da Plataforma Veciñal pola seguridade viaria, Néstor Rego sinalou que con esta emenda, “reclamamos, unha vez máis, que se execute canto antes o proxecto de mellora de seguridade viaria na N-120, porque é absolutamente necesario”.
O Bloque lembrou que “o propio goberno do Estado presentou un proxecto en outubro do 2020 e comprometeuse ante a veciñanza a executalo. Pasou máis ano, e nin se producen avances nin se consignan partidas orzamentarias que poidan facer posible a execución deste proxecto”.
Ao pé da estrada N-120, Rego reafirmou o seu compromiso e o do BNG coa defensa desta reivindicación no Congreso dos Deputados, e asegurou que continuará traballando para que se leven a cabo estas actuacións coa maior celeridade posíbel.
O deputado nacionalista sinalou que “o lóxico é que o goberno do Estado acepte a emenda para que definitivamente o Ministerio de Transportes impulse unha obra que é absolutamente urxente. Estamos falando de salvar vidas humanas, polo que non hai razón para continuala demorando”, remarcou.
En canto á Variante de Ponteareas, Rego lembrou que “os sucesivos gobernos teñen prometido esta actuación dende hai case 25 anos, pero a veciñanza de Ponteareas e da comarca segue sen solucións.
Cos Orzamentos en trámite, estamos perante o momento clave para que concreten economicamente ese compromiso, coa consignación plurianual suficiente para a súa execución”.
Néstor Rego trasladou os parabéns á alcaldesa ponteareá e aos colectivos sociais pola súa firmeza nesta reivindicación, e por teren posto en marcha iniciativas para obrigar ao goberno do Estado a comprometerse e informar de prazos concretos para facer realidade estas necesidades da localidade.